Un incendio forestal asediou este luns tres casas de Cornazo, en Vilagarcía. Forman parte dun asentamento xitano situado e os seus veciños viron as lapas a menos de cinco metros e tiveron que acudir con mangueiras e cubos para atallalas de forma directa. Pouco despois chegaron os medios de extinción do propio Concello e da Xunta de Galicia e, en dúas horas, lograron extinguilas.
O lume comezou ás 14.10 horas e o perigo pasara ás 16.20, cando a Consellería do Medio Rural e do Mar deuno por extinguido, pero, entre tanto, os veciños víronse invadidos polo pánico e a indignación, pois están convencidos de que o lume non foi fortuíto, senón intencionado.
Segundo indicou a Consellería do Medio Rural, o lume queimou 0,1 hectáreas de superficie rasa (a máis próxima ás vivendas) e 0,03 hectáreas de arboredo (as que rodean o asentamento).
Para extinguilas, a Xunta de Galicia desprazou ao lugar un axente forestal, dúas brigadas, unha motobomba e un helicóptero. Tamén se desprazaron os Bombeiros de Vilagarcía, o Servizo Municipal de Emerxencias e a Policía Nacional.