Grave caso de violencia de xénero no Grove. Un home presuntamente disparou a unha muller nunha vivenda da localidade e posteriormente pegouse dous tiros. Ambos están vivos a pesar de presentar varias feridas de bala e foron trasladados a centros hospitalarios para recibir atención.
Os feitos ocorreron ao mediodía deste mércores nun edificio da céntrica rúa Castelao. O home, segundo fontes da investigación, disparou á súa parella no pescozo e a cabeza e, a continuación, quedou na vivenda mentres a muller logrou ser rescatada pola xanela polos servizos de emerxencia. En concreto, un garda civil do posto de Sanxenxo que estaba fóra de servizo subiu por unha escada de madeira e logrou sacar a muller.
Nun primeiro momento pensouse que o home estaba atrincheirado na casa, pero, tras o rescate da muller, escoitáronse dúas detonacións dun arma de fogo. As primeiras hipóteses apuntan a que se disparou el mesmo tras ferir á vítima. Unha hora máis tarde, os GRS da Garda Civil lograron entrar na casa e atopárono vivo, pero con dous disparos na cabeza.
A muller presenta feridas aparentemente superficiais, non se teme pola súa vida e foi trasladada a un centro hospitalario.
A Garda Civil investiga os feitos, que, de momento, xa se cualificou como un caso de violencia de xénero. Dáse a circunstancia de que a muller xa denunciara un episodio previo de malos tratos e tiña en vigor unha orde de afastamento que impedía ao presunto agresor achegarse a ela.