Un home de 96 anos, sexto falecido con covid-19 en xuño e vítima 297 da pandemia na área sanitaria

Pontevedra
17 de xuño 2022

O Sergas notifica este venres un aumento de casos activos na área sanitaria, que ten 1.286 casos activos, 105 máis que o día anterior tras confirmarse 136 novos positivos nunha xornada. Hai 63 pacientes ingresados, dous menos que o xoves. Son 59 en planta, dúas menos; e catro na unidade de coidados críticos do Hospital Montecelo, a mesma cifra que o día anterior

Ambulancia en Urxencias do Hospital Montecelo
Ambulancia en Urxencias do Hospital Montecelo / Mónica Patxot

Novo falecido con covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Un home de 96 anos que morreu o pasado mércores 15 de xuño súmase á estatísticas de falecidos contabilizados na pandemia. 

A Consellería de  Sanidade notificou a morte este venres e con ela, este nonaxenario que tiña patoloxías previas convértese no sexto falecido do mes de xuño e no número 297 desde o inicio da crise sanitaria.

Sanidade notificou este venres a morte de tres persoas que foran diagnosticadas con coronavirus en Galicia, que elevan a 3.553 o total de falecidos da pandemia na comunidade. 

Ademais do home de 96 anos falecido en Pontevedra, repórtase a morte dun home de 83 anos na área sanitaria de Vigo e unha muller de 73 anos na área sanitaria da Coruña e Cee.

O Sergas tamén notifica este venres un aumento de casos activos na área sanitaria e en Galicia. En Pontevedra e O Salnés hai 1.286 casos activos confirmados, 105 máis que o día anterior tras confirmarse 136 novos positivos nunha xornada. Son, de todos os xeitos, os positivos confirmados por  PCR, pois as estatísticas oficiais non reflicten os novos casos detectados por test de antíxenos. 

Na comunidade contabilizáronse 1.087 novos positivos e un total de 10.967 casos activos

A situación mantense bastante estable nos hospitais. En Pontevedra e O Salnés hai 63 pacientes ingresados, dous menos que o xoves. Son 59 en planta, dúas menos; e catro na unidade de coidados críticos do Hospital Montecelo, a mesma cifra que o día anterior. 

En Galicia hai 441 ingresados, 426 en planta de hospitalización e 15 en UCI.