Un home de 88 anos, vítima 254 con covid-19 na área sanitaria

Pontevedra
18 de febreiro 2022
Actualizado: 12:32

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés continúa baixando no número de casos activos e este venres 18 de febreiro rexistra 3.585 positivos, 147 menos que o xoves. Permanecen 94 persoas ingresadas nos centros hospitalarios, catro delas continúan na Unidade de Coidados Críticos

Datos covid-19 na área sanitaria este venres 18 de febreiro de 2022
Datos covid-19 na área sanitaria este venres 18 de febreiro de 2022 / Consellería de Sanidade - Xunta de Galicia

Un home de 88 anos ingresado nun centro hospitalario da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés converteuse na vítima número 254 desde o inicio da pandemia, segundo comunicaba a Consellería de Sanidade este venres 18 de febreiro. Contaba con patoloxías previas.

Permanecen 94 persoas ingresadas nos centros hospitalarios de Pontevedra, catro deles ingresados na Unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo. 77 pacientes atópanse en planta de Montecelo, 12 no Hospital  do Salnés e un no Hospital QuirónSalud.

A cifra de casos activos sitúase en 3.585, 147 menos que na xornada do xoves. No Concello de Pontevedra pásase de 1.253 casos a 1.168 positivos.

Nas últimas horas detectáronse na área 230 novos casos activos en 475 probas realizadas.

DATOS EN GALICIA

Segundo os datos da Consellería, nas últimas horas rexistráronse 6 novos falecementos en Galicia con covid-19 de persoas con idades comprendidas entre os 79 e os 101 anos. Elévase a cifra de falecementos desde o inicio da pandemia a 3.067 persoas.

O número de casos activos continúa baixando. Este venres rexístranse 32.823 positivos, 532 menos que na xornada do xoves. Tamén se reduce a presión hospitalaria, hai 584 pacientes en planta, 14 menos que onte. Nas unidades de Coidados Críticos o número de enfermos con coronavirus é de 32, catro menos que na xornada do 17 de febreiro.

Por áreas sanitarias, os casos activos repártense así: A Coruña-Cee: 7.080 (-204); Vigo: 6.985 (-40); Santiago-O Barbanza: 5.753 (-118); Ourense. 3.673 (-34); Lugo: 3.642 (+31); Pontevedra-O Salnés: 3.585 (-147);  Ferrol: 1.705 (-23); e sen área sanitaria asignada: 400 (+3).

Nas últimas 24 horas detectáronse 2.367 positivos novos. Son 88 contaxios diarios menos respecto a os do xoves e 1.313 menos respecto a os do venres da semana anterior.