Un home de 66 anos, vítima 90 do coronavirus na área sanitaria de Pontevedra - O Salnés

Pontevedra
16 de xaneiro 2021

A vítima perdía a vida nas dependencias do Hospital Montecelo, segundo a información facilitada pola Consellería de Sanidade. Nos primeiros 16 días deste 2021 faleceron nesta área sanitaria 10 persoas por covid-19. No resto de Galicia outras tres persoas sumábanse á listaxe de decesos este sábado. Todas contaban con patoloxías previas, segundo as autoridades sanitarias

Hospital Montecelo
Hospital Montecelo / Cristina Saiz

Tan só 66 anos tiña a vítima número 90 ocasionada pola pandemia na área sanitaria de Pontevedra - O Salnés. Segundo os datos que notificaba a Consellería de  Sanidade este sábado, a persoa falecida nas últimas horas era un home que contaba cun historial clínico no que figuraban outras enfermidades previas antes de contraer o coronavirus.

Nos primeiros 16 días deste 2021 faleceron na área sanitaria unha decena de persoas.A anterior vítima mortal rexistrábase o xoves 14 cando unha muller de 91 anos de idade se sumaba á lista de pacientes mortos no Hospital Montecelo.

Durante este sábado, nos datos que facilita a Consellería de Sanidade rexístranse outros tres decesos tamén diagnosticados por coronavirus. Un home de 81 e unha muller de 87 anos perdían a vida no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago e outro home, de 98 anos de idade, falecía no Hospital de Verín por culpa da pandemia. Segundo o Servizo Galego de Saúde, todas as persoas contaban con outras enfermidades nos seus historiais.

Con este novos catro falecementos, Galicia xa supera as 1.500 vítimas mortais desde que se iniciou o reconto de mortes por esta enfermidade. A cifra sitúase en 1.503 defuncións, das que 258 producíanse en residencias e 349 en hospitais e residencias integradas, segundo os datos que ofrece a Consellería de Sanidade.