Un 'Harlem Shake' colectivo con música en directo para despedir Noites Abertas

Pontevedra
27 de maio 2013

E é que catorce anos ben merecían unha festa de despedida ao grande. E vaia se o conseguiron. Porque ademais do 'Harlem Shake', que xa está causando moito balbordo nas redes sociais, Noites Abertas preparou múltiples actividades para celebrar que goza de moi boa saúde. A Praza de Curros Enríquez acolleu, entre outras, exhibicións de danza, batukada, bailes latinos, malabares, maxia e diferentes proxeccións audiovisuais

Participantes no 'Harlem Shake' organizado por Noites Abertas
Participantes no 'Harlem Shake' organizado por Noites Abertas / Diego Torrado

Era unha das grandes atraccións da festa final de Noites Abertas e, visto o resultado, non defraudou a ninguén. Estamos falando do 'Harlem Shake' colectivo co que arrincaban os actos de clausura da decimocuarta edición deste programa lúdico-cultural, organizado pola Concellaría de Xuventude do Concello de Pontevedra como alternativa ao lecer nocturno entre os mozos de 12 a 30 anos.

Como marca esta 'performance', todo un fenómeno social na Internet, todo comeza co baile mecánico dunha persoa, no caso de Noites Abertas, disfrazada coa cabeza dunha rá, que se move ao ritmo dunha música que parece escoitar só el. Ata que pouco despois, e inesperadamente, desátase a tolemia e todo o mundo empeza a bailar de forma desenfreada e sen sentido.

Con música en directo, foron participando numerosos espontáneos, entre eles, un loitador de sumo, un peculiar gusano, skaters, gimnastas, tiradores de esgrima, e, en resumo, todo aquel que, deixando a vergoña aparte, uniuse a un baile que durou moito máis do que reflicte o video. E é que debido a numerosas interrupcións, o que ían ser pouco máis de dous minutos convertéronse nuns 45 minutos. Iso si, o resultado mereceu a pena.

E é que catorce anos ben merecían unha festa de despedida ao grande. E vaia se o conseguiron. Porque ademais do 'Harlem Shake', que xa está causando moito balbordo nas redes sociais, Noites Abertas preparou múltiples actividades para celebrar que goza de moi boa saúde. A Praza de Curros Enríquez acolleu, entre outras, exhibicións de danza, batukada, bailes latinos, malabares, maxia e diferentes proxeccións audiovisuais.

O broche de ouro puxérono os concertos que amenizaron a festa desde as 17.00 horas. En especial, o de Gonzalo Arca, o cantautor que logrou o premio do público no Fest 2013, festival musical organizado polo Local de Música de Pontevedra. Xunto a el, foron pasando polo escenario sucesivamente, os grupos Voltage, Skirl, La casa de los ingleses, Nagai e os DJ Attention Whore e Sho Kenke.