Un guardia civil, detido tras reter unha muller no seu domicilio en Carril e ameazar a axentes da Policía Nacional

O Salnés
10 de outubro 2023

O suceso producíase durante a madrugada deste martes na rúa Xalda, en Carril, no municipio de Vilagarcía. O home portaba unha pulseira de control de alonxamento relacionada con episodios de maltrato a súa exmuller. O dispositivo rompeuse e a Policía Nacional achegouse á vivenda onde o home rexeitou abrir a porta e ameazou os axentes

Comisaría da Policía Nacional de Vilagarcía de Arousa
Comisaría da Policía Nacional de Vilagarcía de Arousa / Mónica Patxot

Un garda civil permaneceu durante cinco horas ameazando a axentes da Policía Nacional e tamén da Policía Local á vez que retiña unha muller no seu domicilio de Carril, en Vilagarcía de Arousa.

Os feitos iniciábanse ao redor das 11.30 horas do luns 9 de outubro cando ao garda civil, que portaba unha pulseira de control telemático de afastamento, debido a un caso de malos tratos a súa exmuller, rompíaselle este dispositivo.

Por este motivo, axentes da Policía Nacional desprazábanse á Travesía da Xalda, ademais dunha ambulancia, onde o home permanecía xunto a unha muller, que non era a exparella que lle denunciara por malos tratos.

Ante a chegada dos axentes, o garda civil negouse a abrir a porta e provocou o temor de que a muller que o acompañaba estivese retida. Ademais comezou a ameazar de maneira desafiante aos axentes. segundo relata o Faro de Vigo.

Debido á gravidade da situación, desde a Policía Nacional alertouse aos Grupos Operativos Especiais de Seguridade (GOES) da Coruña. Ademais, ata a contorna achegouse un representante da Compañía de Vilagarcía da Garda Civil coa intención de falar co home, que finalmente se entregou aos axentes do GOES ao redor das 04.30 horas. A muller que se atopaba no interior negou que permanecera retida na vivenda.

Durante a noite, o home foi retransmitindo o que sucedía a través das súas redes sociais. O incidente resolveuse sen feridos.

Segundo sinala o Diario de Arousa, o garda civil permanece nos calabozos da Policía Nacional e espérase que pase a disposición xudicial durante a xornada do xoves.