Un grupo de voluntarios pon a punto a praia de Praceres

Pontevedra
07 de xuño 2024

Trátase dunha iniciativa medioambiental incluida dentro do programa Súmate que a empresa Prezero, concesionaria do servizo de limpeza viaria e recollida de residuos en Pontevedra, está a desenvolver en Galicia

Limpeza da praia de Praceres
Limpeza da praia de Praceres / Concello de Pontevedra

Un grupo de persoas voluntarias traballou este venres na limpeza da praia da Posta ou praia de Praceres, no Cabo, en Lourizán.

Trátase dunha iniciativa medioambiental incluida dentro do programa Súmate que a empresa Prezero, concesionaria do servizo de limpeza viaria e recollida de residuos en Pontevedra, está a desenvolver en Galicia.

Súmate é o programa de acción social da empresa para mellorar as condicións de vida das persoas en situación de vulnerabilidade e contribuír a contornas máis sostibles nos lugares que traballa.

Este programa realiza anualmente un concurso aberto en dous ámbitos: inclusión sociolaboral e concienciación ambiental, aos que se presentan fundacións e ONG, que recibirán unha contía económica recadada entre os traballadores da empresa e a propia compañía.

En Galicia, foi a asociación LimpOcean a que desenvolveu o proxecto "Rincones mágicos. Limpieza y concienciación sobre la contaminacion plástica en la Costa da Morte", coa que implica activamente á poboación na erradicación do lixo mariño. Limparon praias en Nigrán e Sada.

Unha das xornadas de limpeza a través de voluntarios foi a que se desenvolveu este venres en Lourizán, a onde se trasladou o concelleiro de Servizos Urbanos básicos, Xaquín Moreda, responsable do contrato de limpeza do Concello para agradecer ás persoas voluntarias o seu labor e a súa concienciación ambiental.