No marco do protocolo asinado entre a Deputación e o Concello de Pontevedra para estudar a viabilidade de incorporar o Convento de Santa Clara ao Museo, a administración provincial adxudicará a próxima semana "o estudo arqueolóxico máis completo que se fixo nunca en calquera outro ben en Pontevedra".
Para este traballo destinaranse uns 300.000 euros pero, como paso previo a este estudo, antes será necesario retirar entullos o recinto.
Un traballo complementario que comezará a final deste mes de abril e que "non é fácil" segundo valorou o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera.
"Haberá que mirar cousa por cousa" para saber se é lixo ou se merece ser conservada para o seu estudo por ter "algún valor".
Un grupo de expertos, conformado por arqueólogos e historiadores do Museo de Pontevedra serán os encargados de separar e seleccionar "a pé de obra" o que se tira do que non.
Quen tivo a oportunidade de visitar o antigo cenobio das Clarisas puideron comprobar como hai determinadas zonas do convento ás que non se pode acceder, algunhas por cuestións de seguridade e outras porque foron utilizadas polas monxas como almacén.
A Deputación xa adxudicou por uns 30.000 euros estes traballos de rebo, traslado en contedores e posterior tratamento ambiental dos materiais que se retiren.