Un grupo de 50 voluntarios quere plantar 12.000 árbores en montes de Carballedo manualmente e mediante drons

Cerdedo-Cotobade
01 de decembro 2022

Un grupo de 50 voluntarios puxo en marcha un proxecto para contribuír na repoboación de 14 hectáreas en Carballedo que se viron afectadas polos incendios

Reforestación do monte en Carballedo
Reforestación do monte en Carballedo / Generali

Un grupo de 50 voluntarios puxo en marcha un proxecto para contribuír na repoboación de 14 hectáreas en Carballedo que se viron afectadas polos incendios.

Trátase dunha iniciativa impulsada pola aseguradora Generali que pretende plantar un total de 12.000 árbores manualmente e mediante drons. 

Para iso, un equipo de especialistas ambientais analizou previamente o terreo para determinar a mellor época na que iniciar a repoboación, atendendo a factores como o clima da zona, a tipoloxía de solo ou o proceso evolutivo das especies locais para respectar a contorna e aproveitar a súa capacidade regenerativa.

Concretamente, as especies seleccionadas son Pinus pinaster, Quercus robur, Salix atrocinerea, Sorbus aucuparia, Betula alba e Crataegus monogyna.

Debido aos numerosos incendios sufridos no termo municipal de Cerdedo‐Cotobade nos últimos anos, moitas zonas atópanse espidas de vexetación.

Nunha primeira fase deste proxecto os voluntarios prepararon o terreo para que a terra adquira as condicións óptimas para a plantación. Nunha segunda fase, procederase ao lanzamento das sementes a través de drons, un procedemento novo que permite chegar a algunhas zonas de difícil acceso.