A pegada de María Victoria Moreno en Pontevedra estará, aínda máis, presente na cidade. Será cun gran mural que adornará unha parede da rúa Eduardo Pondal, fronte a ponte da avenida de Vigo. Será un dos últimos actos que se enmarcan dentro do ano que, a nivel cultural, se dedica a esta mestra e escritora estremeña, pontevedresa de adopción.
O deseño é de Tania Solla e será executado Polo Correo do Vento. Segundo sinalou o concelleiro Alberto Oubiña, está previsto que o pintado comece o próximo 14 de outubro. Días antes limparase a parede e colocaranse as estadas para facer a intervención artística.
Ademais, o 22 de novembro, coincidindo coa data na que se cumprirán trece anos do pasamento da autora, editarase unha tirada de selos de correo para coleccionistas, conmemorativo do ano dedicado a María Victoria Moreno.
O Concello agasallará cun selo ás distintas administracións implicadas no Ano María Victoria Moreno, a institucións como a Real Academia Galega, á familia da docente e escritora e aos centros sociais da cidade. Ademais as persoas interesadas en facerse cun selo conmemorativo poderá solicitalo no Concello -un por persoa- previa presentación do DNI.
O responsable de Normalización lingüística avanzou que, a maiores destas dúas actividades, o Concello comprará e distribuirá 500 exemplares dunha biografía de María Victoria Moreno escrita por Joanne Lorenzo, con ilustracións de Tania Solla. Os libros entregaranse aos centros de ensino e aos centros sociais e culturais da Boa Vila.
A programación completarase con dous obradoiros infantís de contacontos ilustrados sobre a figura de María Victoria Moreno, que terán como escenarios o local social Centro Leste e a Casa da Cultura de Monte Porreiro.