Un GPS volve liala e un turismo remata encaixado nas escaleiras da Rúa Madrid en Sanxenxo

Sanxenxo
06 de setembro 2024

O suceso producíase arredor das 21.00 horas deste venres. Non se rexistraron feridos e foi necesaria a intervención dun guindastre para retirar o vehículo

Turismo encaixado nas escaleiras da Rúa Madrid / PontevedraViva

Unha vez máis un sistema GPS causa un incidente de tráfico.

Neste caso, o suceso tivo lugar este venres en Sanxenxo, cando un vehículo rematou encaixado nunhas escaleiras que conectan a Rúa Madrid coa Rúa Sol.

O suceso, que afortunadamente non causou feridos, ocorreu arredor das 21:00 horas.

Segundo informa o Concello de Sanxenxo, o condutor do turismo seguiu aparentemente as indicacións do seu sistema de navegación GPS, o que o levou a precipitarse polas escaleiras.

A Policía Local acudiu rapidamente ao lugar dos feitos para xestionar a situación.

Dada a peculiar posición na que quedou o vehículo, foi necesaria a intervención dun guindastre para retiralo.

Os labores de extracción prolongáronse logrando finalmente retirar o turismo arredor das 22:20 horas.