Un "géyser" en pleno centro de Marín

Marín
07 de setembro 2024

O suceso producíase minutos antes das 13:00 horas á altura do número 84 da rúa Jaime Janer de Marín. Neste tramo están en marcha desde o pasado 29 de xullo obras de reposición das tubaxes de pluviais e fecais

A Policía Local de Marínachegouse ata a zona onde se rexistrou a fuga de auga
A Policía Local de Marínachegouse ata a zona onde se rexistrou a fuga de auga / PontevedraViva

Este sábado 7 de setembro o "rebentón" do peche dunha boca de rego provocaba que un gran chorro de auga vertese de xeito ininterrompido durante unha hora sobre a calzada.

O suceso producíase minutos antes das 13:00 horas á altura do número 84 da rúa Jaime Janer de Marín.

Neste tramo están en marcha desde o pasado 29 de xullo obras de reposición das tubaxes de pluviais e fecais.

Un veciño do inmoble 84 manifestaba a este medio que non é o primeiro incidente que sofren, xa que hai poucos días tamén se rompeu unha tubaxe de gas e, semanas atrás, noutro treito da mesma rúa, tamén outra boca de rego se fracturaba.

Unha patrulla da Policía Local acudía inmediatamente para asegurar que non había perigo para os viandantes e os vehículos que circulaban nese momento, xa que a tubaxe desaugaba con forza sobre un dos carrís.

Non foi necesario derivar o tráfico, que neses momentos era pouco intenso, malia tratarse da estrada que conecta Marín con Moaña e este punto atoparse a escasos metros do cruzamento que enlaza coa costa do cemiterio da Raña.

Incluso deuse a curiosa estampa na que varios coches frearon o seu paso para gozar dunha lavada extra.

Ás 13:50 horas normalizábase a situación tras a intervención dun operario do Servizo Municipal de Augas, que foi requirido de urxencia.

Este profesional reparaba a avaría en apenas 2 minutos accionando con determinación un "estrangulador" para bloquear a tubaxe. A continuación, taponouna.