Un garda civil de Pontevedra, no dispositivo de seguridade de Río 2016

Pontevedra
06 de agosto 2016

O tenente Cordovés, destinado no Grupo de Reserva e Seguridade (GRS) de Castrosenín, integrarase, xunto a outros dous axentes da Garda Civil no Centro de Cooperación Policial Internacional (CCPI) creado en Brasil con motivo da celebración dos Xogos Olímpicos. Desprazouse a Río de Janeiro o 1 de agosto e regresará o próximo día 22

O teniente Cordovés, á esquerda, destinado nos GRS de Pontevedra
O teniente Cordovés, á esquerda, destinado nos GRS de Pontevedra

A seguridade dos Xogos Olimpicos de Río 2016 que comezaron este mesmo venres terá unha achega pontevedresa. Será a do tenente da Garda Civil Cordovés, destinado no Grupo de Reserva e Seguridade (GRS) de Castrosenín, en Pontevedra.

O tenente Cordovés integrarase, xunto a outros dous gardas civís no Centro de Cooperación Policial Internacional (CCPI) creado en Brasil con motivo da celebración dos Xogos, un servizo que pasará á historia por ser a primeira vez desde Barcelona 92 que a Garda Civil colabora en labores de seguridade nunhas Olimpíadas. 

Este axente dos GRS formará parte do dispositivo de seguridade de Río 2016 xunto ao comandante Del Moral e a brigada Regina e os tres están en Brasil xa desde hai días. Desprazáronse xuntos ao país americano o pasado 1 de agosto, pero o regreso será en días diferentes. O tenente dos GRS de Pontevedra estará de volta o 22 de agosto, pero a súa compañeira brigada non volverá ata o 19 de setembro, unha vez finalice a competición.

O tenente Cordovés prestará servizo xunto co comandante Del Moral no CCPI de Rio de Janeiro, onde ofrecerán auxilio e apoio aos turistas e afeccionados españois e darán cobertura á delegación olímpica de atletas españois. A brigada Regina estará destinada á capital, Brasília, segundo informou o Ministerio do Interior. 

Na súa misión en Río, traballarán en equipo coas autoridades brasileiras. Achegarán a súa experiencia e coñecemento no trato cos afeccionados dos seus propios países. A función que ten o CCPI é mellorar a coordinación entre os distintos corpos policiais para poder prestar a debida asistencia ás afeccións e servir como ligazón coas súas respectivas embaixadas.