Un grupo de investigadores da Escola de Enxeñaría Forestal do campus de Pontevedra traballa na fabricación, a partir de restos forestais, de biochar que poida ser empregado para a redución das emisións de amoníaco, metano e óxido nitroso nas diferentes fases de xestión dunha gandería de vacún e de aves.
O 'biochar' é unha forma de carbón creado quentando biomasa, como residuos agrícolas, achas de madeira ou residuos de cultivos, nunha contorna de baixo contido de osíxeno a través dun proceso chamado pirólisis.
uis Ortiz, Antonio Vázquez, Juan Luis Rodríguez Somoza e Óscar González Prieto traballan neste proxecto e teñen acadado un produto que presenta unha concentración de carbono fixo superior ao 50%, con aplicacións enerxéticas e cunha elevada capacidade de absorción.
Por outra banda, avalian tamén o efecto da súa aplicación na mellora dos nutrientes do abono, xa que, como apunta Ortiz, ademais de "secuestrar carbono da atmosfera", o biochar tamén pode contribuír "ao enriquecemento dos solos".
Producido ao someterse a biomasa a unha elevada temperatura nun ambiente en ausencia de osíxeno, o biochar co que traballa este grupo operativo foi xerado nun "forno pirolítico autónomo" de deseño propio, baseado nun sistema de dobre reixa previamente patentado por Ortiz.
Como explica o investigador no Diario da Universidade de Vigo, este forno foi ideado coa idea de que este proceso puidese levarse a cabo en condicións facilmente reproducibles, "por pequenos empresarios ou particulares incluso". De feito, coa idea de "simplificalo e de facelo máis eficiente" a unha primeira versión deste forno, na que se empregan restos forestais para xerar o calor necesario, súmase outra na que se usa gas butano, o que permite "ter unhas temperaturas máis regulables".
As probas realizadas en ambos casos cos tres materiais permitiron xerar un "biochar de calidade", cunha porcentaxe de carbono fixo "de entre o 76% e o 78%", sinala o catedrático.
Así mesmo, este proceso de busca dun biochar "cunhas propiedades óptimas" abrangueu tamén a busca dun material con "moita flotabilidade", de cara a poder empregalo "como filtro nas fosas".
Nese obxectivo de xerar produtos cun "elevado valor engadido" ademais deste produto, o proxecto contempla tamén "fabricar biocombustibles sólidos e biofiltros", así como tratar de acadar "que o biochar que estamos fabricando poida ter un rendemento absorbente, por exemplo de metais pesados ou de contaminantes líquidos, parecido ao do carbón activo", co cal acadaríase un "produto de moi alta calidade".