Un festival infantil e un concurso de disfraces, bazas do entroido de Cerdedo-Cotobade

Cerdedo-Cotobade
19 de xaneiro 2017

O primeiro entroido conxunto que celebrará Cerdedo-Cotobade, unha vez materializada a súa fusión, incluirá como actos principais un festival infantil e un concurso de disfraces. Con eles, se pretenden manter as tradicións dos dous territorios e contar cunha programación máis ampla para todos os veciños

Desfile do Entroido en Monte Porreiro 2016
Desfile do Entroido en Monte Porreiro 2016 / Diego Torrado

O primeiro entroido conxunto que celebrará Cerdedo-Cotobade, unha vez materializada a súa fusión, incluirá como actos principais un festival infantil e un concurso de disfraces. Con eles, se pretenden manter as tradicións dos dous territorios e contar cunha programación máis ampla para todos os veciños.

"Como a unión fai a forza, cada vez estamos contando con máis programas e actividades, algo que xa se puido ver no Nadal e que agora se estenderá ao entroido", explicou o presidente da xestora do municipio, Jorge Cubela.

A primeira iniciativa terá lugar o domingo 26 de febreiro no pavillón municipal de Cerdedo, que acollerá un festival infantil a partires das 17.30 horas.

Esta festa, que se prolongará por espazo de tres horas, contará cunha discoteca móbil infantil, xogos, música, baile, actividades organizadas por monitores, un diverphotocall que incluirá pezas de disfraz, un obradoiro de maquillaxe e un inchable.

A segunda iniciativa será o tradicional concurso de disfraces de Cotobade, que terá lugar o domingo 5 de marzo en quenda de tarde no pavillón municipal de Carballedo.

Este certame contará con diversos premios, aínda por determinar, para os mellor disfrazados nas categorías infantil e de adultos, ao igual que en anos anteriores.

Ademais, e para completar unha actividade que se estenderá durante toda a tarde, tamén haberá un desfile a través dunha pasarela e unha festa con actuacións musicais, animación e actividades para os cativos. Finalmente, haberá agasallos para todos os nenos que acudan disfrazados.

Cubela amosou a súa satisfacción polo completo programa, que ademais está orientado principalmente aos máis pequenos, e agarda que haxa unha elevada afluencia de público e participantes polo tirón propio do entroido, pola variedade das actividades e por contar cunhas datas moi acaídas tras coordinar estes eventos co alcalde da Lama, Jorge Canda, para evitar coincidencias e completar deste xeito o entroido da bisbarra.

Arquivado en