Un estudo desvela que só o 26 % das mulleres do audiovisual galego ocupan postos directivos

Pontevedra
09 de novembro 2022

A Cátedra de Feminismos 4.0 da Deputación e a Universidade de Vigo apoia tres vídeos sobre o estudo ‘A representatividade e representación das mulleres no audiovisual galego’, elaborado pola Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais, que recolle tamén que o 55 % dos papeis protagonistas teñen nome de muller

Presentación dos vídeos sobre o estudo da representatividade das mulleres no audiovisual galego na Facultade de Ciencias Sociais
Presentación dos vídeos sobre o estudo da representatividade das mulleres no audiovisual galego na Facultade de Ciencias Sociais / Deputación de Pontevedra

A Cátedra de Feminismos 4.0, impulsada pola Deputación e a Universidade de Vigo, presentou este mércores, no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra, unha serie de tres vídeos que ilustran algunhas das principais conclusións do estudo ‘A representatividade e representación das mulleres no audiovisual galego’, elaborado pola Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA).

Participaron na presentación o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Joaquín Reigosa, a deputada provincial Ana Laura Iglesias e a decana da Facultade, Emma Torres, así como as directoras dos audiovisuais e dúas das autoras da investigación, Mariana Carballal e Amada Traba. Os vídeos pódense ver na canle de YouTube da Cátedra de Feminismos 4.0.

Nos vídeos, Carballal e Traba achegan con datos algúns dos resultados do informe. Entre eles, destacan que as mulleres apenas interveñen na toma de decisións no sector audiovisual galego, cunha cota de só o 26,3% en postos directivos. Esta porcentaxe baixa ata o 21,1% no caso de dirección de fotografía.

Esta realidade contrasta co feito de que o 55,6% dos papeis protagonistas no audiovisual da nosa comunidade corresponden a mulleres, aínda que neles seguen a reproducir estereotipos sexistas tradicionais. Pero é un protagonismo ensombrecido, pois os homes copan o 61,3% dos papeis secundarios.

Segundo Mariana Carballal, coordinadora do estudo, “os elencos seguen estando conformados maioritariamente por homes e isto tamén ten consecuencias na contratación”.

Ademais, nun dos vídeos sinálase unha das grandes novidades deste estudo, que consiste en trasladar unha proposta didáctica dirixida ao alumnado en formación no eido do audiovisual en Galicia, tanto en graos universitarios como en formación profesional. Amada Traba, unha das autoras do estudo que participou nos vídeos, explica que buscan “ampliar os imaxinarios coa mirada feminina”, é dicir, que o alumnado e os profesionais do sector “aprendan a ver e a crear con perspectiva inclusiva”.

O reitor da Universidade, Manuel Reigosa, agradeceu a elaboración destes vídeos “como unha canle dinámica de difusión dunha realidade sobre a que convén reflexionar e actuar”, xa que, segundo engadiu, “o audiovisual é un sector cun enorme impacto, que inflúe na configuración da nosa sociedade”.

Pola súa banda, a deputada Ana Laura Iglesias puxo en valor o traballo desenvolvido pola Cátedra de Feminismos 4.0 a prol da loita contra os modelos patriarcais. Indicou que o audiovisual “é un campo de batalla máis no que debe lograr e consolidar a igualdade plena e efectiva" e lembrou que “é fundamental que a nosa ollada estea presente para contar as nosas historias e para impulsar que máis mulleres se incorporen aos perfís nos que seguimos sendo minoría”.

Por último, a decana da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Emma Torres, considerou moi relevante que se artellen propostas didácticas como a impulsada polo estudo, que permitan que o alumnado “se vaia formando con outra mirada, máis igualitaria”. 

A Deputación de Pontevedra, xunto coa Universidade de Vigo, teñen como obxectivo, a través da Cátedra de Feminismos 4.0, promover a igualdade, a non discriminación e a accesibilidade universal das mulleres no ámbito das actuais sociedades da información.

En concreto, a promoción e o impulso de actividades de investigación e innovación feminista en todos os ámbitos do coñecemento, priorizando os estudos relacionados coa dixitalización actual da sociedade e o ámbito das STEM (siglas en inglés de ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas), onde as mulleres están infrarrepresentadas e resulta un espazo cada vez máis relevante nas sociedades do futuro.