Un estudo de opinión elaborado pola empresa Sondaxe para os alcaldes de Cotobade e Cerdedo concluíu que os veciños de ambos os dous municipios respaldan maioritariamente o proceso de fusión iniciado no mes de marzo. En Cotobade, o 52,2% dos enquisados están a prol do mesmo e en Cerdedo o apoio é maior, co respaldo do 88,8% dos enquisados.
Segundo os datos facilitados polos concellos, en Cotobade opóñense á fusión o 42,8% dos veciños, ao 2,7% resúltalle indiferente e o 2,3% non contestou a esta cuestión. En Cerdedo, só o 10,4% rexeita a unión co concello veciño.
O estudo, realizado con 240 enquisados en cada municipio, conclúe que os veciños apoian a fusión por aspectos como a mellora da economía local, a redución do gasto público, a ampliación dos servizos públicos ou a creación de emprego, entre outros aspectos.
Este estudo de opinión tamén recolle as principais vantaxes detectadas polos enquisados ante a fusión municipal e, entre as mesmas, figuran a fortaleza do novo concello, o coidado medioambiental, a mellora da economía, a ampliación dos servizos públicos e o favorecemento da gobernabilidade política.
A enquisa tamén preguntou aos veciños pola xestión municipal dos dous alcaldes e dos dous gobernos e a conclusión á que chega é que teñen un respaldo maioritario. Ao goberno de Cotobade dáselle unha nota de 6,38 e ao de Cerdedo, un 8,71. O alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, obtén un 6,94 e o de Cerdedo, José Balseiros, un 8,85.