O Concello de Ponte Caldelas amosa a súa perplexidade despois de ter recibido o estudo para garantir o subministro do sistema de abastecemento de Vigo, realizado no ano 2011 por Augas de Galicia. O documento descarta todas as opcións baralladas para transvasar dende o río Verdugo, tanto pola súa ineficacia como polo seu impacto ecolóxico, e aposta claramente por transvasar dende o río Miño ata a presa de Zamáns.
O estudo demostra que o Verdugo só ten capacidade para transvasar, de xeito puntual, 30 litros ao segundo, menos dun 4% do reforzo que o sistema de Eiras-Vigo precisará no futuro, calculado en 780 litros ao segundo durante unha media de 30 días ao ano en función do rigor dos períodos de seca.
O Goberno local de Ponte Caldelas, que conta co asesoramento de enxeñeiros voluntarios, considera que "este estudo é toda unha emenda á totalidade non só ao disparatado ‘proxecto político’ de transvasamento dende o río Verdugo, senón tamén á credibilidade de Augas de Galicia".
O alcalde, Andrés Díaz, solicitará unha nova xuntanza co director xeral de Augas, Roberto Rodríguez, para "esixir o arquivo inmediato" do expediente que a entidade autonómica dependente da Consellería de Medio Ambiente está a tramitar pola vía ordinaria, despois do frustrado intento de sacalo adiante o pasado outono pola vía de urxencia. "Tentaron agochar ese estudo e teñen moitas explicacións que darnos", afirma.
O alcalde engade que queda claro que o proxecto actual, para transvasar 350 litros ao segundo, "é un parche" pois necesítanse 780 litros "e nun auténtico disparate técnico van a buscalos nun río que só pode achegar 30".
Andrés Díaz pídelle aos responsables de Augas de Galicia "que se aclaren, que lean os seus propios documentos e que respecten a súa propia planificación hidrolóxica". "Augas de Galicia non está para facer política contra os concellos, senón para xestionar a auga, como ben escaso que é, dun xeito racional e sustentable", engadiu.
"Non é viable porque non poderán derivarse máis de 30 litros ao segundo"
No río Verdugo non hai caudal suficiente para transvasar. "A solución de derivar auga do río Verdugo, sen regulación, ao encoro de Eiras, non é viable porque non poderán derivarse máis de 30 litros ao segundo", conclúe o estudo: "Esta solución se descarta", remacha.
O estudo tamén baralla as opcións de construír novos encoros no Verdugo (50 millóns de euros), augas arriba de Ponte Caldelas, e no Oitavén, augas arriba de Eiras (30 millóns de euros), pero se desaconsellan polo impacto sobre as poboacións, o medio ambiente e os custos.