Un estudo da Deputación constata que as emerxencias están peor cubertas no interior da provincia e propón como mellorar

Pontevedra
27 de xuño 2018

A Deputación encargou a expertos independentes un estudo sobre a situación actual das emerxencias e as formas de mellorala. Carmela Silva e César Mosquera destacan que supón un documento que senta as bases para sentarse a negociar coa Xunta de Galicia e fixar un novo modelo 

Carmela Silva e César Mosquera
Carmela Silva e César Mosquera / Deputación de Pontevedra

O modelo actual de xestión das emerxencias de Pontevedra deixa zonas de sombra nas que non se presta a correcta atención en caso de incidencias e provoca que 52.540 habitantes non teñan condicións de cobertura óptimas. Eses lugares están ubicados fundamentalmente en municipios do interior e, en menor medida, no sur, sendo as zonas de costa as que reciben mellor cobertura a pesar de ser as máis poboadas. 

Estas son algunhas das moitas conclusións dun estudo realizado por expertos independentes para a Deputación de Pontevedra sobre a situación actual das emerxencias e as formas de mellorala. A presidenta e o vicepresidente provinciais, Carmela Silva e César Mosquera, destacan que supón un documento que senta as bases para sentarse a negociar coa Xunta de Galicia e fixar un novo modelo de emerxencias.

Silva destacou que se trata dun informe "serio e rigoroso" que era moi necesario facer antes de poñerse a definir o novo mapa de emerxencias, pois "calquera modelo debe estar baseado en análises rigurosos da realidade". "Xa que a Xunta non plantexaba ese modelo desde un análise serio", sostén, optaron por encargalo eles.

O goberno bipartito PSOE-BNG presentará ese informe ao resto dos grupos políticos con representación na Corporación provincial o vindeiro martes 3 de xullo e este mércores deron a coñecer os datos básicos do mesmo ao tempo que explicaban que inclúe unha análise comparativa de alternativas ao actual modelo de prestación de servizo de emerxencias da provincia. 

As alternativas plantexadas pola Deputación neste informe, e sobre as que propoñen sentarse a negociar coa Xunta para sacar adiante un novo modelo, inclúen a creación de tres novos parques de bomberos nas zonas de Condado-Paradanta, Cerdedo-Cotobade -para dar servizo a Terra de Montes e Tabeirós- e na comarca de Pontevedra nalgún punto entre Pontevedra e A Lama. Propón tamén cambiar de ubicación un dos dous parques actuais da comarca do Salnés. 

Carmela Silva explicou que esas propostas non eran o obxectivo do estudo, senón facer unha diagnose da situación e das posibilidades de mellora. Neste sentido, indican que a súa proposta de mellora reduciría nun 64,5% a poboación sen cobertura óptima, ao pasar eses 52.540 habitantes actuais en zonas de sombra a 18.650. O modelo de comarcalización da Xunta de Galicia deixaría en condicións non óptimas de cobertura a 25.823 persoas. 

A presidenta provincial destacou que o informe sitúa no mapa os lugares con máis riscos de distinto tipo de incidencias, desde os incendios urbanos aos forestais, pasando por accidentes de tráfico e outro tipo de siniestros. Segundo esa análise, o interior da provincia necesita unha atención que non lle dá o proxecto de comarcalización que formula a Xunta de Galicia. Isto demostra, ao seu xuízo, que a proposta da administración autonómica non parte de estudos claros, ademais de non fixar recursos para destinar aos servizos de emerxencias, xa sexa humanos como técnicos e económicos.     

O informe recolle tamén unha comparativa dos modelos atendendo á efectividade coa que se cobre en mellores condicións o territorio. A proposta feita, coa creación de tres novos parques, melloraría un 17% o modelo actual e aínda recolle a posibilidade de mellorar máis no caso de optar por un cambio de ubicación dun dos dous parques do Salnés, pois están en Vilagarcia e Ribadumia, na mesma área. En caso de cambiar un deles, a mellora podería chegar ao 25,8%

Mosquera, pola súa parte, aproveitou a presentación do estudo para insistir en que tanto os bombeiros do parque municipal de Pontevedra como os de Vigo "cando hai unha emerxencia de verdade xa están comarcalizados na práctica" e desprázanse alá onde sexa necesario. O problema é que "non os chaman" e atribúe esa situación ao 112.