O transvasamento do Verdugo tería, segundo os expertos, unha "grave incidencia" ambiental polos "cambios bruscos" de auga que provocaría e que afectaría a todo o ecosistema de río. É a principal conclusión dun estudo multidisciplinar que se vén de presentar en Ponte Caldelas.
O traballo, que inclúe un amplo dossier elaborado por un equipo de expertos, analizou a realidade medioambiental do río Verdugo, o sistema actual de captación e abastecemento de auga así como as razóns da ineficiencia que suporía realizar o transvasamento proposto para solucionar os problemas da seca na comarca de Vigo e a súa zona de influencia.
María Baqueiro, enxeñeira de minas, defendeu na súa exposición no Centro Cultural que unha mellor xestión dos recursos hídricos é a solución más acaída para resolver un problema que, entende, non se solucionaría satisfacendo un aumento "desmesurado e sen control" da demanda de líquido elemento senón con políticas de eficiencia e aforro acuícola.
Na presentación, organizada pola Plataforma en Defensa do Río Verdugo (PLADEVER), participou tamén o director do Centro de Hidrobioloxía da Universidade de Santiago e investigador científico, Fernando Cobo.
Cobo avogou por promover un control máis axeitado e periódico dos chamados caudais ecolóxicos como medida de prevención de calquera desastre medioambiental relacionado coa nova situación de cambio climático e as secas prolongadas que se están a producir no noso país con maior frecuencia que antes.
Nunha conferencia moi didáctica e pedagóxica, o investigador foi debullando todos os aspectos que rodean a vida dos ríos desde o seu subsolo ata o ecosistema que se conforman con especies animais e vexetais, moitas delas endémicas de Galicia e de grande interese para o estudio de remedios sanitarios para a propia poboación.
Sen querer entrar en confrontacións sobre plantexamentos políticos, o investigador da USC insistiu na importancia que o equilibrio da natureza ten en todos os procesos da biodiversidade e insistiu no ríos como un elemento fundamental para a vida no planeta.
Cobo explicou como un cambio brusco no nivel dos caudais dos ríos, sobre todo por vía de captacións de importancia ou transvasamentos, ten consecuencias "gravísimas" neses ecosistema e incluso disertou sobre efectos "indesexados" cando se producen baleirados de encoros ou intercambios de masas hídricas, producidas sen control por empresas produtoras de enerxía eléctrica que poden chegar a provocar serios incidentes medioambientais.
Asimismo, Fernando Cobo a preguntas do público explicou que os chamados caudais ecolóxicos son o "límite dramático" que deben manter como mínimo os ríos en calquera caso "sen poder ser violentado agás por un problema de lesa necesidade para o consumo humano en época de emerxencia declarada, por tempo finito e durante o tempo en que estea en vigor".
Tamén insinuou que sería preciso establecer non só un único caudal ecolóxico senón que o que procede é establecer varios ao longo do ano en función da pluviosidade, a situación do momento, a estación e toda unha serie de parámetros que considerou obrigados á hora de ter en conta a vida dos ríos.