Venres (22.30 horas) e nunha Ferrería completamente ás escuras. Ese será o escenario da inauguración da décimo quinta edición da Feira Franca de Pontevedra. O inicio da festa terá lugar cun espectáculo especificamente deseñado para a ocasión e no que participarán 25 actores e tres compañías diferentes. Será unha proposta "moi espectacular e que vai a sorprender á xente", segundo a concelleira de Feestas, Carme da Silva.
Acorde coa temática desta Feira Franca, o eixo central deste espectáculo será a astronomía. Baixo o nome Un ceo para mil culturas, esta montaxe musical, teatral e circense xira en torno á idea de que " o firmamento é igual para todos, pasa por todos os pobos e é unha especie de vínculo de unión entre todos nós", sinalou a edil nacionalista. Terá unha duración aproximada dunha hora.
O espectáculo, deseñado polas compañías Troula, Kull d ´sac e Acrolúa, cun videomapping creado por La Factoría del Mapófono desenvolverase en varios escenarios da Ferrería e nel terá un protagonismo especial as proxeccións que se realizarán na fachada do antigo edificio da academia Logos, que serán diferentes ás do ano pasado. "Veremos o edificio ardendo ou convertido nun firmamento sobre o que voan os actores", adiantou Carme da Silva.
A gran novidade con respecto ao ano anterior é a incorporación a este espectáculo da compañía Acrolúa, especializada en números circenses aéreos, que completará o traballo de Troula (percusión e lume) e Kull d ´sac (proxeccións). Para que estes artistas poidan realizar as súas acrobacias, instalaranse dúas plataformas elevadoras a ambos os dous lados da praza.
Na madrugada do xoves ao venres farase un ensaio xeral para dar os últimos retoques a un espectáculo que, recordou a concelleira de Festas, necesita da maior escuridade posible. Por iso, ao igual que ao ano pasado, pediuse a colaboración de veciños, comerciantes e hostaleiros da zona para que apaguen as súas luces durante a hora que dura o espectáculo inaugural, de forma que se poidan ver as proxeccións sen problema ningún.