Un escaparate photocall na Michelena achega a camelia ao centro urbano

Pontevedra
28 de febreiro 2019

A Deputación de Pontevedra organiza un escaparate photocall para chamar á xente a participar no LV Concurso Exposición Internacional da Camelia que se celebrará no Recinto Feiral de Pontevedra os días 9 e 10 de marzo

Presentación do photocall do LV Concurso Exposición Internacional da Camelia
Presentación do photocall do LV Concurso Exposición Internacional da Camelia / Victoria Regueira

Con motivo do LV Concurso Exposición Internacional da Camelia, que se celebrará en Pontevedra os días 9 e 10 de marzo no Recinto Feiral, a Deputación de Pontevedra inaugurou na mañá deste xoves unha acción na rúa Michelena que consiste nun escaparate photocall coa intención de chamar á xente e así achegar, dar a coñecer e popularizar a camelia, flor máis recoñecida das Rías Baixas.

A acción consiste en dous photocall, un interior e outro exterior, co que "se pretende chamar á creatividade e á participación da xente" explicou a deputada Eva Vilaverde. Con esta iniciativa búscase que a poboación pontevedresa interactúe e xere material fotográfico coa etiqueta #VisitCamelia19 que posteriormente se recompilará para seleccionar as fotos máis orixinais. As imaxes escollidas serán subidas ao album do perfil de Facebook da Deputación. Trátase dunha forma de "xogar coas novas maneiras de comunicar a través das redes sociais e facer a nosa camelia máis moderna", concluíu. Este escenario florido, situado na rúa Michelena número 10, estará aberto ao público de 12:00-14:00 horas e de 18:00-20:00 do 1 ao 7 de marzo agás o sábado 2 de marzo pola tarde xa que coincide co festival do Entroido.

A inauguración da exposición no Recinto Feiral que conta con camelias da EFA (Estación Fitopatolóxica de Areeiro), comeza o sábado 9 de marzo ás 18:00 horas. No programa participa o cociñeiro Iñaki Bretal que realizará un showcooking esa mesma tarde ás 19:30, baixo o nome de "A camelia entre fogóns",  para así achegarnos a camelia á cociña. Tamén habilitarase un espazo infantil para escolares de máis de 3 anos.

Como gran novidade, o domingo realizaranse dúas xornadas técnicas nas que se tratarán os usos alternativos da flor. A primeira, que se celebrará ás 11:00 horas a impartirá o doutor e enxeñeiro de Montes, Pedro Mansilla, no que tratará as fitopatoloxías da camelia. Pola tarde, ás 17:00 horas realizarase a segunda xornada cun achegamento máis novidoso dos posibles usos forestais da camelia nos montes galegos mostrando os usos sociais, medioambientais e produtivos que ten esta flor nas comunidades de montes e no propio espazo natural galego.

O concurso concluirá coa presentación do libro "Xardíns históricos na provincia de Pontevedra" de Carmen Salinero ás 19:00 horas.

A presentación contou coa participación de Eva Vilaverde, deputada provincial; Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra; Carmen Salinero, autora do libro "Xardíns históricos na provincia de Pontevedra"; e Javier Alonso e Raquel Fernández, xefe de cociñas e xefa de salas e sumiller do Eirado da Leña.