Un equipo de profesionais de Enfermaría da área sanitaria de Pontevedra coordinará un proxecto de investigación a nivel europeo chamado Icarewounds, que consiste no desenvolvemento con intelixencia artificial dun modelo informático integral de coidado de pacientes para abordar o tratamento de feridas crónicas.
Tras un longo traballo de varios anos, este proxecto acadou financiamento europeo dotado cun millón e medio de euros.
Trátase dunha alianza con outros investigadores do ámbito sanitario procedentes de Italia, Polonia, Irlanda e Finlandia, xunto aos que concorreron á primeira convocatoria da iniciativa supranacional THCS (The European Partnership on Transforming Health And Care Systems), que leva por nome "Healthcare of the future".
O proxecto comeza neste mes de maio e terá unha duración de tres anos.
En concreto, dende a área sanitaria de Pontevedra-Salnés se liderará o estudio clínico "multicéntrico" que se levará cabo en hospitais de tres países (España, Irlanda e Polonia), co que se pretende validar ese modelo informático co obxectivo final de que esa aplicación poida ser unha ferramenta implantada nos sistemas sanitarios reais.
O investigador principal é o enfermeiro José Manuel Rosendo Fernández, supervisor de Procesos e Coidados de Enfermería e responsable da Unidade de Feridas da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
Xunto a él participan outros profesionais pontevedreses de enfermaría con ampla traxectoria: Ana García Fernández, subdirectora de Enfermaría da área sanitaria; José Antonio Esperón Güimil, enfermeiro do centro de saúde de Anafáns en Poio; e Teresa Loureiro Rodríguez, supervisora da Unidade de Corta Estancia do Hospital Montecelo.