O colexio de educación infantil e primaria (CEIP) da Laxe participa no programa ObservAcción da Xunta de Galicia, coordinado polo CFR Pontevedra, que trouxo durante esta semana a un equipo de mestras de Murcia, para coñecer a realidade educativa da vila e poder cruzar metodoloxías.
Neste centro educativo marinense cren que a educación debe estar sempre vencellada ao avance dos tempos. Entenden que as sociedades cambian e por iso o xeito de educar e de transmitir coñecementos e valores debe evolucionar e abrazar novas formas de docencia.
Así llo explicaron á alcaldesa, María Ramallo, e á concelleira de Educación, Marián Sanmartín, que este xoves achegáronse ata o centro para dar a benvida ás mestras de El Palmar.
Estas profesoras murcianas notan un cambio entre a súa situación educativa e a galega, da que destacan as ratios e a calidade da docencia e da vida en xeral da nosa zona.
Tal e como explicou a dirección do centro, esta é a terceira fase do programa, que a semana que vén tornará e levará aos docentes de Marín a visitar Murcia. As dúas primeiras fases desenvolvéronse no pasado curso, cun primeiro traballo interno entre o equipo docente do CEIP da Laxe e un segundo momento cun intercambio cun centro de Padrón.
No caso de pasar á cuarta e última fase, o intercambio sería con outro colexio dalgunha rexión da Unión Europea.