Un enterramento de monxas no xardín e o destino dos retablos, "flecos" para pechar a compra de Santa Clara

Pontevedra
27 de abril 2021

As negociacións están "bastante avanzadas" e hai " bo entendemento" entre o Concello e a Igrexa. De momento, descártase dar cifras da operación, que en todo caso si son superiores ao millón de euros, e tampouco se fala de prazos: "A frase de que hai que mover Roma con Santiago aplícase nesta operación" 

Convento de Santa Clara
Convento de Santa Clara / Mónica Patxot

As negociacións que o Concello de Pontevedra emprendeu o pasado outono para adquirir o convento de Santa Clara están "bastante avanzadas" e, tras varios meses de conversacións coas autoridades relixiosas, xa só quedan "flocos" pendentes para poder pechar a adquisición.

Así o confirmou este martes o concelleiro de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, que deu conta das novidades nas negociacións á Comisión de Urbanismo e aos medios de comunicación e asegurou que hai "bo entendemento" entre o Concello e a Igrexa e a Orde das Clarisas á que pertence o inmoble. 

Moreda non quixo dar cifras dos prezos que hai sobre a mesa para a compra, que en todo caso si son superiores ao millón de euros, pero si deu detalles dos dous escollos que agora mesmo aínda quedan por salvar para pechar a operación.

O primeiro floco sen pechar é que hai que decidir o destino dunha serie de enterramentos de monxas que hai no xardín de Santa Clara. Carecen de lápidas que identifiquen á persoa enterrada e non se sabe con certeza a quen pertencen, pero si que haberá que sacalos de aí. 

O segundo floco está relacionado cos elementos nobres que hai no edificio, entre os que destacan unha serie de retablos. Queda por decidir se se retiran de Santa Clara e a Iglesia os traslada a outra das súas propiedades ou se quedan no edificio tras a compra. Nese caso, tamén habería que fixar se o Concello os compra ou se seguen sendo propiedade eclesiástica, pero quedan en depósito. Ademais, aínda habería que acordar coa Consellería de Cultura as autorizacións para o seu traslado. 

O inmoble está protexido e catalogado como Ben de Interese Cultural, de modo que o Concello tivo que comunicar á Consellería de Cultura a súa intención de compralo. Segundo deu a coñecer Moreda, a Dirección Xeral de Patrimonio tamén lles confirmou xa que poden seguir adiante coa operación. 

O convento de Santa Clara leva pechado desde setembro de 2017, tras preto de sete séculos de actividade relixiosa, e antes de empezar co proceso de compra, o Concello realizou unha visita ás instalacións. Segundo deu a coñecer o concelleiro, concluíuse que o muro de peche e a igrexa están en boas condicións e o resto da propiedade necesita unha rehabilitación. De todas fomas, non ten humidades e os muros de carga están en boas condicións, de modo que se cumprían os condicionantes para a compra. 

O Concello de Pontevedra é nestes momentos o único interesado na compra. "Somos nós os compradores, os que estamos a negociar", asegurou Moreda, e rexeitou falar de prazos para formalizar a compra porque, tal e como explicou, "a frase de que hai que mover Roma con Santiago aplícase nesta operación" e trátase dunha negociación bastante complexa que require solicitar permisos ao Vaticano. "Poden ser 15 días, un mes... non o podemos dicir", indicou. 

O responsable de Patrimonio histórico lembrou que o Concello decidiu comprar Santa Clara polo espazo verde que ten, 12.000 metros cadrados en pleno centro da cidade, pero tamén "para conservar o patrimonio", pois se trata dun elemento de gran valor patrimonial que se cae en desesuso pode perderse. Sobre o seu futuro, indica que a administración local está aberta a todas as posibilidades, aínda que será algo a estudar un vez formalizada a adquisición

VALORACIÓN DO PP

O concelleiro do PP Pablo Fernández valorou, ao termo da Comisión de Urbanismo, que as explicacións de Moreda son "insuficientes" e que desde o seu partido mantéñense firmes na petición realizada días atrás de coñecer os informes técnicos que avalen esta operación. Consideran necesario que se celebre unha comisión extraordinaria para abordar este asunto e que os técnicos municipais lles trasladen a súa valoración. 

Piden tamén que o departamento de Intervención explique como se realizará a compra, que supoñerá "una cantidad muy elevada que va a condicionar las arcas municipales para los próximos años". Ademais, aseguran non entender que o  Concello siga adiante con esta compra sen definir o uso que se lle dará