Un encontro profesional reunirá a máis de 300 veterinarios no Recinto Feiral

Pontevedra
04 de xuño 2018

O Congreso Vetnoroeste reunirá a máis de 300 veterinarios na cidade de Pontevedra do 14 ao 16 de xuño  

Presentación do Congreso Vetnoroeste
Presentación do Congreso Vetnoroeste / Alejandro Vila

O Congreso Vetnoroeste reunirá a máis de 300 veterinarios na cidade de Pontevedra do 14 ao 16 de xuño. O encontro, que inclúe conferencias e obradoiros, terá lugar no Pazo da Cultura e Recinto Feiral.

Pola vía dos feitos, Vetnoroeste fixo de Pontevedra a súa sede permanente. Segundo explicou o presidente do Colexio Oficial de Veterinarios de Pontevedra, Luís Núñez, "as facilidades e colaboración" atopadas na Boa Vila é un factor determinante.

O Colexio de Veterinarios de Pontevedra e o Hospital Referencia Veterinaria Montenegro (Portugal) promoven a cita na que o Concello colabora dun xeito activo desde a primeira edición.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores subliñou a vertente de dinamización económica que traen congresos como Vetnoroeste e en datas que contribúen á desestacionalización da ocupación hoteleira.

A cita incluirá un taller práctico de dermatoloxía sobre probas diagnósticas (animais e microscopio), a cargo de César Yotti no que se fará unha sesión de toma de mostras realizada polos alumnos e exame posterior de mostras de casos reais mediante o emprego de microscopio con proxección en empo real.

Outro dos talleres prácticos programados centrarase na ecografía para gatos, onde o relator Javier Caruncho Méndez ocuparase das principais patoloxías felinas urinarias e dixestivas.

Ademais incluíuse un taller con equipos de oftalmoloxía e animais vivos no que se poderá aprender a explorar un animal con enfermidade ocular, no que Fernando Sanz Herrera desvelará claves e trucos que levarán a conseguir un diagnóstico acertado repasando todo o proceso dun correcto exame ocular.