Xiana Moreira Barbosa comezou o pasado 10 de outubro un período de prácticas nunha produtora desempeñando o posto de auxiliar de produción audiovisual.
Xiana é unha das participantes do Programa de Emprego con Apoio que promove a entidade Down Pontevedra Xuntos. Agora acode todos os mércores á oficina que Matriuska Producciones, en Pontevedra, e as súas principais tarefas abarcan desde o arquivo e clasificación de documentación ata a inscrición online de películas en festivais.
O pasado mes de xuño, Matriuska e Down Pontevedra Xuntos asinaron un convenio de colaboración co fin de promover a inclusión socio-laboral en contornas ordinarias de persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais.
Dani Froiz, produtor de Matriuska Producciones, destacou que "a industria do cinema pode contar perfectamente coas persoas con discapacidade".
A produtora coñeceu o traballo de Xuntos no campo do emprego con apoio no coworking Espazo Arroelo, onde traballa como ordenanza Cecilia, outra usuaria do programa, e onde a empresa ten a súa oficina, e deseguido souberon que querían incluír a unha persoa con discapacidade intelectual no seu equipo de traballo. Ademais, Froiz non descarta que as prácticas dean paso a contratacións temporais en festivais cinematográficos.
Pola o seu parte, o presidente de Down Pontevedra Xuntos, Manuel Pérez Cabo, resaltou a importancia que os convenios de colaboración teñen para a entidade, xa que "é vital contar co apoio do tecido empresarial da contorna para que as persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais consigan unha verdadeira inclusión socio-laboral".
O programa de emprego con apoio de Xuntos facilitou 26 contratacións desde inicios de ano, sendo 11 contratos indefinidos. A través destas oportunidades, 16 persoas usuarias das 18 que conforman o programa de Emprego con Apoio da entidade puideron adquirir experiencia en postos tan variados como auxiliar nunhas termas, masaxista, ordenanza, monitor de comedor escolar, entre moitos outros.