Unha pensión e un restaurante. É a segunda vida que terá un edificio do centro histórico de Pontevedra, actualmente en estado ruinoso. O inmoble está situado na rúa Isabel II.
O goberno municipal, segundo informou a portavoz Anabel Gulías, concedeu xa a licenza para a rehabilitación integral do inmoble, situado no número 6 desta rúa.
O proxecto para este edificio prevé destinar a súa primeira planta ao uso como pensión, mentres que o baixo abrirá como establecemento de hostalería.
Anabel Gulías exteriorizou a satisfacción do Concello ante a recuperación dun edificio que estaba "en moi malas condicións", algo que servirá para dar un "lavado de cara" á zona.
A esta iniciativa, o Concello sumou a licenza de obras para habilitar un comercio para a venda de roupa no número 8 da rúa Peregrina.
REUNIÓN DO ALCALDE CON CONSTRUTORES
O Concello avanzou ademais que o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, manterá este xoves un encontro con responsables do sector da construción para analizar a situación na que se atopan.
"Consideramos que a construción é un sector económico moi importante nesta cidade e queremos explicarlle todo o que se estivo a facer desde o Concello e coñecer as súas preocupacións e ver como podemos colaborar neste momento", resumiu Anabel Gulías.
A este respecto, Gulías explicou que o Goberno restableceu a normalidade nos procesos de contratación, polo que xa se poden publicar ofertas e iniciar novos procesos de contratación.
Neste apartado, o Concello sitúa contratos como o mantemento de vías no rural, expedientes relativos á administración electrónica, o contrato de telecomunicacións municipais, o estudo de transporte a demanda ou o núcleo de centralidade de Tomeza.