Un día para reforzar os vínculos da Brilat coa Policía Nacional, o Gremio de Mareantes e o Camiño Portugués

Pontevedra
07 de xuño 2023

A base General Morillo da Brigada Galicia VII, Brilat, converteuse este mércores en escenario de irmandamento entre institucións. Con motivo da parada militar coa que conmemora o seu 57 aniversario, a brigada quixo recoñecer a persoas e organizacións coas que mantén unha estreita relación  e que lle axudan no seu quefacer diario

Parada militar polo 57 aniversario da Brilat
Parada militar polo 57 aniversario da Brilat / Mónica Patxot

A base General Morillo da Brigada Galicia VII, Brilat, converteuse este mércores en escenario de irmandamento entre institucións. Con motivo da parada militar coa que conmemora o seu 57 aniversario, a brigada quixo recoñecer a persoas e organizacións coas que mantén unha estreita relación  e que lle axudan no seu quefacer diario. 

Ao redor de 800 militares desfilaron nesta parada militar, coa que conmemoran a primeira operación aerotransportada realizada pola brigada o 7 de xuño de 1969 no aeródromo de Rozas (Lugo), e que estivo presidida polo xeneral de división Eduardo Diz Monje, xefe da División de Plans do Estado Maior do Exército. 

Como cada ano, destacou a imposición dos premios Caballero/Dama Azor que, con carácter anual, entrega a Brigada e que este ano foron para catro persoas .

Juan José Díaz Jiménez, comisario provincial da Policía Nacional en Pontevedra, foi condecorado por participar activamente nos actos institucionais organizados pola brigada, impulsando a colaboración entre as dúas institucións en Pontevedra e contribuíndo á boa relación que existe entre ambas as institucións.

José Luis Arellano Guiance, presidente do Gremio de Mareantes de Pontevedra, foi recoñecido polas súas mostras de respecto e aprecio coas que o centenario gremio distingue á Brilat, contribuíndo así á integración da brigada na vida social da cidade.

Celestino Lores Rosal, presidente da asociación de Amigos do Camiño Portugués a Santiago e membro activo da sociedade pontevedresa, asa a ser Caballero Azor por impulsar a presenza da Brilat e colaborar coa brigada en calquera iniciativa relacionada co camiño portugués, especialmente no concurso de patrullas Tui-Santiago.

Paulina Acuña Fontenla, traballadora do servizo de alimentación da base que leva 17 anos vinculada á Brilat é nova Dama Azor por contribuír a que o servizo de alimentación da base sexa dos mellor valorados a nivel nacional, pola súa implicación persoal, carácter afable e profesionalidade fana un exemplo para todo o persoal da base.

O acto rendeu homenaxe aos caídos (con voo do Azor, mascota da Brilat, incluído) e tamén serviu para a entrega da concesión da Cruz ao Mérito Militar con Distintivo Amarelo a título póstumo e en atención aos méritos e circunstancias que concorren aos soldados Javier Sánchez Guridi e Elena Santiago Piñeiro, falecidos en acto de servizo nos dous últimos anos mentres realizaban funcións de adestramento. 

No apartado de condecoracións, tamén destaca a concesión á Brilat da Orde do Mérito da Garda Civil, na súa categoría de Cruz de Prata. Entregouna o coronel Simón Venzal e pasou a colocarse unha gravata no guión da Brilat que representa a todos os homes e mulleres que forman parte da unidade.

Ademais, recoñeceuse a militares que pasan á reserva como o cabo maior José Ángel Bernárdez Seijas, tras 40 anos de servizo e con 12 condecoracións. 

O Premio Azor que a Brilat concede desde 2011 para distinguir a aquelas institucións, organismos ou entidades e, excepcionalmente a personalidades, que contribúen ou contribuísen de maneira sobresaliente ao beneficio da Brigada como institución concedeuse este ano á empresa asturiana Alsa, aínda que o premio foi entregado na base Cabo Noval de Asturias, sede do Rexemento Príncipe.

Entre os asistentes destacou a presenza dunha representación de persoal da Brigada de Intervenção, unidade militar portuguesa coa que a Brilat está hermanada e que hai uns meses convidou a un dos seus eventos ao xeneral, e tamén dunha comisión da Asociación de Agregados Militares, Navais e Aéreos Acreditados en España.

Un total de 21 agregados de países como Estados Unidos, Reino Unido, Romanía, Filipinas ou Tailandia visitaron a base unha viaxe conxunta organizada pola área de Agregados da Dirección Xeral de Política de Defensa (DIGENPOL) do Ministerio de Defensa.

Non faltaron a subdelegada do Goberno, Maica Larriba; o delegado da Xunta en Pontevedra, Luís López; os alcaldes de Vilaboa e Ponte Caldelas, César Poza e Andrés Diaz; e autoridades policiais e militares como o coronel da Garda Civil, Simón Venzal.