A xornada deste luns estivo marcada por celebracións pouco habituais. Dúas veciñas de Pontevedra celebraron que pasan dos cen anos: María González Vázquez cumpriu 103 e Rosa María Conde Suárez, 102.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, visitou pola mañá a María González Vázquez con motivo do seu 103 aniversario. Resulta habitual que o rexedor visite a toda a veciñanza cando chega aos 100 anos, pero resulta curioso que esta é a primeira vez que felicita en persoa a esta muller a pesar de ter xa 103.
Esta excepción débese a que ata agora en todos os aniversarios que celebrou desde os 100 sempre estivo fóra da cidade. De feito, celebrou o seu 102 aniversario na cidade italiana de Xénova mentres facía un un cruceiro polo Mediterráneo.
O alcalde puido comprobar o perfecto estado de saúde de María, da que se despediu ata o vindeiro ano despois de facerlle entrega dun ramo de flores.
Pola tarde, estaba prevista a visita a Rosa María Conde Suárez polo seu 102 aniversario.