Un día con só 7 novos positivos por coronavirus e 17 altas de pacientes na área sanitaria

Pontevedra
04 de abril 2020

Este sábado hai 432 casos activos e un total de 99 pacientes ingresados nos hospitais da área sanitaria. Deles, 81 están hospitalizados en planta e 18 na UCI, un menos que un día antes. Desde o inicio da pandemia, a área sanitaria prescribiu 56 altas hospitalarias 

Probas de coronavirus no Covid-Auto do recinto ferial
Probas de coronavirus no Covid-Auto do recinto ferial / Diego Torrado

Sábado de noticias medianamente optimistas na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Regresou a un panorama de crecemento moderado dos novos casos de coronavirus e o último balance facilitado pola Consellería de Sanidade reflicte un aumento de tan só sete novos positivos con respecto ao venres, cifra que supón unha importante redución con respecto aos 32 novos casos que se rexistraron o día anterior e regresar a niveis de crecemento dos primeiros días da pandemia.

Así, segundo o balance da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, este sábado hai 432 casos activos, fronte aos 425 casos confirmados do venres. En todo caso, ese optimismo é moderado, pois esta semana déronse días con só 11 e 16 novos casos e, nunha xornada, a do venres, duplicáronse ata 32.

Ademais, esta última actuación de datos reflicte que desde o inicio da pandemia, a área sanitaria prescribiu 56 altas hospitalarias, das que 17 foron tramitadas na última xornada. 

Segundo a información oficial facilitada, este sábado hai un total de 99 pacientes ingresados nos hospitais da área sanitaria. Deles, 81 están hospitalizados en planta, 14 menos que un día antes. Tamén se reduciu a actividade na UCI, pois este sábado hai 18 pacientes que evolucionan nesta unidade especializada, fronte aos 19 do venres.

Do total de ingresados, 13 están no Hospital do Salnés, o mesmo número que un día antes. O resto de casos confirmados están no seu domicilio, un total de 333.

Desde o inicio do plan de continxencia do COVID-19 xa faleceron nesta área sanitaria 9 pacientes, ningún nas últimas 24 horas. 

A nivel autonómico, o número de casos confirmados ascende este sábado para ascende a 4.926, deles 1.029 son da área da Coruña, 558 da de Lugo, 875 da de Ourense, 432 da de Pontevedra, 1.055 da área de Vigo, 694 da de Santiago, e 283 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos en Galicia, 177 permanecen en UCI, 891 están en unidades de hospitalización e 3.858 no domicilio. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 531 altas de pacientes e 168 falecementos.

A Consellería de  Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

O Sergas ten ao dispor da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.es), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.