Entre un 15 e un 20% dos nenos sofren abusos sexuais antes de cumprir os 18 anos ainda que so se coñecen o 2% dos casos, segundo as estimacións da Federación de Asociacións para a Prevención do Maltrato Infantil (Fapmi).
O dato foi revelado este martes na presentación da campaña Un de cada cinco nun seminario celebrado na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte dirixido a concienciar a estudantes e profesionais da importancia de traballar na prevención da violencia sexual.
O incremento do turismo con fins sexuais e do consumo de pornografía infantil a través da rede levan a Tomás Aller, coordinador de Fapmi, a alertar "dun problema emerxente" fronte ao que avoga por impulsar unha rede de prevención na que participen todo tipo de profesionais e colectivos vinculados directa ou indirectamente á infancia.
"O 1% da poboación ten un perfil pedófilo, esta é unha realidade que convén non obviar", salientou Aller no relatorio inaugural do seminario.
Ao mesmo tempo que denunciou a "progresiva e cada vez máis acelerada sexualización da infancia", Aller subliñou que "aínda sabemos moi pouco de que fai que un pedófilo pase a ser un pederasta".
Por iso, a campaña Un de cada cinco, que impulsa o Consello de Europa, ten como obxectivo final contribuír á crear un "contexto social absolutamente intransixente" con todo tipo de maltrato sexual infantil. De aí que esta xornada formativa estivese centrada en concienciar da necesidade de acometer un traballo en rede, no que os profesionais de ámbitos como os servizos sociais, a saúde ou o ensino contribúan a "concienciar a súa contorna inmediata, informando de que é a violencia sexual, como se identifica e como hai que actuar", segundo salientou Aller na apertura doseminario.
NON DEIXAR AOS NENOS Á MARXE
Ademais de formar a profesionais, a campaña do Consello de Europa avoga tamén por abordar o maltrato sexual infantil directamente cos nenos e nenas, a través de información "adaptada as súas idades". Con ese obxectivo, elaborouse a guía A regra de Kiko, que busca que os nenos poidan recoñecer formas inapropiadas de tocar e saiban a quen dirixirse á hora de contar aquilo que lles teña acontecido.