Un curtocircuíto nun garaxe causa alarma entre a veciñanza de José Casal

Pontevedra
15 de outubro 2018

O suceso rexistrábase este luns ao redor das 13.25 horas. Os veciños alertaron os Bombeiros do Parque de Pontevedra ante a presenza dun pequeno incendio nunha canaleta eléctrica. Aseguran que as obras de reforma da rúa provocan filtracións de auga ao garaxe que, neste caso, provocaron o curtocircuíto

Incendio nun garaxe da rúa José Casal
Incendio nun garaxe da rúa José Casal / PontevedraViva

Os bombeiros do Parque de Pontevedra eran alertados pasadas as 13.20 horas deste luns por veciños da rúa José Casal. Detectaran fume no garaxe do edificio 1-3 desta céntrica rúa de Pontevedra que conecta Virxe do Camiño con Joaquín Costa. 

Ata o edificio desprazábanse os bombeiros con dous camións. Comprobaron que no garaxe iniciárase un pequeno incendio nunha  canaleta eléctrica que provocara moito fume pero que non ocasionara danos materiais de gravidade nin se trasladara aos vehículos estacionados no interior do recinto. Tampouco se viu afectado ningún veciño por intoxicación.

Os bombeiros procederon á extinción e á ventilación do garaxe.  Ata a zona tamén se desprazaron axentes da Policía Nacional e da Policía Local.

Segundo fontes do Parque de Bombeiros a orixe, segundo todos os indicios, atopábase nun curtocircuíto provocado por pingas que procedían do teito. As persoas residentes no edificio sinalan que están a sufrir este problema de filtracións desde que se acometen as obras de reforma da rúa José Casal debido aos ocos que se están deixando no proceso de pavimentación desta zona. 

Os veciños aseguran que xa trasladaron as súas queixas ao xefe encargado da obra e que, ata o momento, indicoulles que todo quedará selado cando finalicen os traballos e os operarios unicamente aplicaron silicona nalgunha das fendas polas que os residentes aseguran que se filtra a auga.

Ademais, tamén mostraban o seu malestar polos desniveis que presenta a nova pavimentación respecto dos portais e temen que con choivas abundantes a auga chegue a formar charcas ante a entrada do edificio.