Un cuarto xulgado para Vilagarcía, unha demanda que se remonta a 2007 e continúa "sen solución"

O Salnés
20 de marzo 2023

A situación actual dos xulgados de Vilagarcía "alamante" e faise necesario crear un cuarto xulgado. A demanda volveu formulala este luns Josefa Iglesias, delegada sindical do sector de xustiza da CIG, pero xa é antiga. De feito, remóntase xa a 16 anos

Xulgados de Vilagarcía de Arousa
Xulgados de Vilagarcía de Arousa / Mónica Patxot

A situación actual dos xulgados de Vilagarcía "alamante" e faise necesario crear un cuarto xulgado. A demanda volveu formulala este luns Josefa Iglesias, delegada sindical do sector de xustiza da CIG, pero xa é antiga. De feito, remóntase xa a 16 anos atrás. 

A representante de CIG enviou un escrito á sala de goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) no que lembra a sobrecarga de traballo que teñen os xulgados de Vilagarcía desde o ano 2007 "sen que se lles dea unha solución".

Así, en 2007 solicitouse por primeira vez a creación dun cuarto xulgado. A partir de aí, volveu pedirse no ano 2010, cando os xulgados de Vilagarcía triplicaban o cociente de saturación que marcaba como máximo o Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) para poder garantir o bo funcionamento das salas.

Josefa Iglesias lembra que no ano 2012 o cuarto xulgado de Vilagarcía quedou en suspenso como consecuencia da reorganización que debía promover o Ministerio de Xustiza que dirixía Alberto Ruiz-Gallardón.

A pesar de que tamén no ano 2018 os inspectores do CXPX alertaron do colapso do Xulgado número un de Vilagarcía e de que se trata dunha demanda "recoñecida" a nivel institucional polo Tribunal Superior de Xustiza e a Fiscalía de Galicia) e tamén por traballadores, avogados e procuradores, desde CIG insisten en que "seguimos estando igual que hai moitos anos, sen solución ningunha".

En marzo de 2022, a Comisión Mixta de Xustiza solicitou ao Ministerio de Xustiza a creación de sete novas unidades xudiciais para Galicia, entre os que se incluía este cuarto xulgado, pero "unha vez máis Vilagarcía quedou sen a dotación xudicial".

Na actualidade, os tres xulgados mixtos contan con tres reforzos en cada un deles que levan monitorios, así como unha prolongación de xornada rotatoria nos xulgados de violencia, debido á sobrecarga de traballo, pero desde CIG insisten en que "a realidade destes xulgados é que nunca chegan a ser xulgados estables, porque tanto funcionarios como xuíces ou letrados foxen desta situación (estrés, carga mental, fatiga, impotencia...)".

De feito, no último concurso quedaron sen cubrir a maior parte das prazas vacantes deste partido xudicial

CIG pide este cuarto xulgado e, ata que se poña en marcha, a creación dun xulgado bis, cun maxistrado de reforzo e tres ou catro tramitadores máis, "a fin de ir liberando a carga de traballo e mellorar o funcionamento dos mesmos para a cidadanía".