O Concello de Pontevedra presentaba este xoves un novo proxecto para fomentar a participación das crianzas na vida pública e na toma de decisións que afectan á cidade.
O concelleiro de Educación, Demetrio Gómez, xunto con África Martínez e Ana Barreiro, responsables do espazoTaller Abierto, presentaron o Consello da Infancia, un órgano consultivo que permitirá aos nenos e nenas de 9 e 10 anos opinar sobre cuestións que lles afectan.
Demetrio Gómez destacou que a iniciativa ten como obxectivo "recuperar os dereitos de todas as persoas a ser escoitadas, independentemente da súa idade".
"As democracias teñen un problema para escoitar a toda a cidadanía, e hai cidadás e cidadáns que non son escoitados", afirmou o concelleiro, subliñando a importancia de estender a participación a toda a poboación.
O proxecto, denominado 'Contas Moito', botará a andar este xoves cunha primeira reunión das organizadoras co profesorado dos 18 centros de ensino público do municipio para establecer as bases do funcionamento do consello.
Estaba previsto que a reunión contase coa presenza en liña do pedagogo Francesco Tonucci, cuxa experiencia e pedagoxía inspiraron a posta en marcha desta iniciativa, pero finalmente non puido realizarse a conexión debido aos danos causados polas inundacións en Italia.
"Pontevedra e Tonucci forman unha simbiose, e este proxecto é un paso máis cara a converter Pontevedra na cidade das crianzas", explicou Gómez.
O Consello da Infancia estará conformado polos escolares elixidos por sorteo entre o alumnado de cuarto e quinto de primaria que se amose interesado.
As reunións terán lugar os sábados, fóra do horario escolar, e desenvolveranse de xaneiro a xuño no Centro Social Leste.
"Os docentes levarán ás aulas un tríptico informativo para explicar en que consiste a actividade e serán as familias as que decidan, segundo a súa dispoñibilidade, se os seus fillos e fillas participan", indicou África Martínez.
Demetrio Gómez: "este proxecto é un paso máis cara a converter Pontevedra na cidade das crianzas"
As sesións seguirán unha dinámica horizontal, sen un representante infantil ao fronte do consello, e estarán centradas nas inquedanzas e visións da rapazada sobre a cidade e outros temas que se poidan propoñer.
Ao final do proceso, elaborarase un informe coas conclusións e achegas que será trasladado á alcaldía.
“A intención é facer deste consello un órgano permanente, con vocación de continuidade”, apuntou Demetrio Gómez.
Esta experiencia será unha das primeiras iniciativas deste tipo en Galicia e no Estado coa idea de que a voz das crianzas se teña en conta na planificación da cidade e mesmo poida recoller opinións en relación a outros temas que preocupen aos menores.