Entre o 3 e o 5 de maio se celebrará en Pontevedra a décimo segunda edición do Congreso Internacional de Investigación en Relacións Públicas. Máis de 50 investigadores presentarán os seus estudos "nun congreso moi específico", que xa se desenvolveu no campus no ano 2010 e que por primeira vez organizan conxuntamente dúas universidades, as de Vigo e Minho.
"Visibilizar as relacións públicas no ámbito académico e posicionalas dentro do eido científico da comunicación" son, como sinala a profesora de Ciencias Sociais e da Comunicación Ana Belén Fernández Souto, os dous obxectivos principais desta cita académica.
Impulsado pola Asociación de Investigadores en Relacións Públicas (AIRP), este congreso internacional busca visibilizar dentro do ámbito científico da comunicación unha disciplina "socialmente mal entendida", como sinala esta representante do seu comité organizador, e arredor da que continúa a existir "moito descoñecemento".
De aí que o seu foco de análise, aclare, estea exclusivamente centrado neste ámbito concreto da comunicación, que aborda as relacións das organizacións cos seus públicos.