Un condutor despístase e o seu tráiler acaba encaixado nun camiño na Canicouva

Pontevedra
19 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Segundo a información facilitada polo Concello de Pontevedra, tras tentar sacar o camión de todas as formas posibles, decidiuse finalmente que quede alí e deixar a rúa cortada ata que este mércores acuda un guindastre para poder retiralo. Nesta vía, a circulación está limitada a vehículos de 8 toneladas. O tráiler procede de Xaén

Camión atascado nun camiño de Cacheiro, na Canicouva
Camión atascado nun camiño de Cacheiro, na Canicouva / PontevedraViva

Un condutor descoidado protagonizou este martes unha rechamante imaxe no lugar de Cacheiro, na parroquia pontevedresa da Canicouva

Segundo comentaron fontes veciñais, o condutor ía nun tráiler e, na mañá deste martes, acabou encaixado nun camiño estreito desta parroquia, sen ser capaz de moverse nin saír.

Ademais de quedar encaixado nun camiño con muros de pedra a ambos os dous lados, causou danos no muro dunha propiedade.

Ata o lugar acudiron as forzas de seguridade e, segundo a información facilitada polo Concello de Pontevedra, tras tentar sacar o camión de todas as formas posibles, decidiuse finalmente que quede alí e deixar a rúa cortada ata que poida retirarse

A previsión é que este mércores acuda un guindastre para poder retiralo

Nesta vía, segundo informa o Concello, a circulación está limitada a vehículos dun máximo de 8 toneladas, pero este condutor despistouse e acabou nesta vía. O camión pertence a unha empresa dedicada servizos de loxística de Alcalá la Real, en Xaén

ACLARACIÓNS DO CONDUTOR

Tras a publicación desta noticia, o condutor do vehículo púxose en contacto con PontevedraViva para aclarar que todo ocorreu ás nove da mañá, "cando ningún veciño estaba na rúa para poder advertirme, tal e como eles mesmos apostilaron".

Segundo explicou, chegou ata o punto onde se atascou desde Outeiro, sen pasar por ningún sinal que lle prohibise o paso, tal e como comprobou unha patrulla da Garda Civil que se desprazou ao lugar dos feitos.

A pesar de que o Concello de Pontevedra informou que a previsión era que a vía queda cortada ata o mércores, el explica que a vía quedou liberada da súa presenza ás cinco da tarde do mesmo día.

Este condutor quier aclarar tamén que non se despistou, senón que se meteu por esta vía porque había outro camión propiedade dun veciño da zona similar ao seu aparcado na zona, "o cal me deu confianza para entrar".