O concelleiro do Partido Popular de Caldas de Reis Manuel Rajoy anunciou este martes a través dun comunicado que está a estudar cos seus avogados a opción de presentar unha querela criminal contra o alcalde, Juan Manuel Rey, pola presunta comisión dun delito de prevaricación, ao adoptar determinadas decisións no ámbito urbanístico que afectan á súa familia "a sabendas da súa manifesta inxustiza".
"Este alcalde leva anos cunha fixación política sobre a miña persoa e sobre a miña familia e, dende logo, non o vou consentir por máis tempo", indicou Manuel Rajoy. Este comportamento que reprocha a Juan Manuel Rey ten o seu máximo expoñente na situación da vivenda do fillo deste edil e o recurso que agora está pendente no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
Segundo sostén, o equipo de goberno socialista intentou primeiro a demolición da vivenda no ano 2011 e, "tras ventilarse en sede xudicial o correspondente recurso Contencioso Administrativo, perdeu estrepitosamente na súa intención", pois o Xulgado do Contencioso de Pontevedra anulou esa resolución municipal mediante sentencia de data 5 de febreiro de 2014 e considerou probado que a antigüidade desta vivenda era moi superior á que determinaba o concello.
Contra este fallo xudicial presentouse recurso no TSXG e é sobre este feito sobre o que agora amosa a súa disconformidade Manuel Rajoy, pois "o grave non é a presentación do recurso en si mesma, senón que esa presentación se fixera en contra das recomendacións dos técnicos municipais que lle advertiron da inconveniencia da súa formalización polas escasísimas posibilidades de éxito dese recurso".
Neste sentido, segundo o concelleiro, estaríase producindo un presunto delito de prevaricación por canto, a pesares das reiteradas advertencias dos técnicos xurídicos municipais, o alcalde actuou "guiado por unha manifesta animadversión á miña persoa" para presentar un recurso "sabendo que con elo prexudica os intereses xerais dos veciños por canto está a incorrer en gastos que se poderían ter evitado se seguira os consellos dos funcionarios".
Ademais, chama a atención sobre a situación de que "este alcalde se por algo se significou nos últimos tempos é por non persoarse tan sequera en moitos dos múltiples conflitos xudiciais contra o Concello provocando, con este comportamento impropio dun alcalde un importante quebranto económico aos veciños de Caldas".
Manuel Rajoy adiantou que "no caso probable de que o alcalde perda o recurso ante o Tribunal Superior, serei eu mesmo quen lle esixa responsabilidades; e a primeira a da súa dimisión irrevogable e, segunda, antes de dimitir, que pague do seu peto as custas xudiciais porque, no caso contrario, estaríamos ante un abuso de poder intolerable nun país democrático producto dunha obcecación persoal do mandatario socialista contra a miña persoa e familia polo mero feito de non ser da súa corda política".