A conta solidaria do Concello de Ponte Caldelas con Cáritas para axudar ás vítimas dos incendios forestais do pasado 15 de outubro recibiu unha importante achega en días pasados procedente dun colexio de Madrid. O ingreso foi realizado sen comunicación algunha e de xeito completamente altruísta.
O alcalde, Andrés Díaz, púxose en contacto co director do colexio Antamira, situado en Paracuellos del Jarama (Madrid), para agradecerlle a doazón, que alcanzou os 1.678,50 euros, o que supón unha das máis elevadas que se teñen producido nunha conta solidaria que acumula xa, a día de hoxe, un total de 15.880,25 euros.
O director do centro, Antonio Campos, explicou que conceden a máxima importancia no seu proxecto pedagóxico á educación en valores e cando viron os efectos devastadores dos incendios en Galicia e, especialmente varias reportaxes de televisión sobre o sucedido en Ponte Caldelas, decidiron colaborar.
O colexio Antamira é un centro privado que organiza diversas actividades solidarias ao longo do ano e unha delas consiste no que chaman o "almorzo solidario". Os alumnos pagan voluntariamente o almorzo dun día e toda a recadación dóase a unha ONG. Desta volta decidiron axudar ao proxecto caldelán para indemnizar ás persoas afectadas polo lume. O propio colexio e a empresa que xestiona o comedor colaboran para "redondear" a cifra.
O alcalde agradeceu a iniciativa do colexio madrileño e invitou a Antonio Campos a visitar Ponte Caldelas aproveitando que viaxa con certa frecuencia a Galicia.
A iniciativa deste centro madrileño súmase á do colexio de A Lama, que tamén organizou un mercadiño solidario, co que conseguiron recadar 467,19 euros.
Ademais é moi destacable o papel da asociación Ponte Caldelas Solidaria, que puxo en marcha distintas actividades que contribuíron notablemente a engrosar a conta. A máis significativa, un festival que achegou 3.420 euros e no que o Concello de Ponte Caldelas colaborou asumindo todos os gastos de organización (que ascenderon a 1.500 euros), para, deste xeito, maximizar a recadación.
Por outra banda, as doazóns individuais, entre as que tamén figuran as dos participantes no Congreso Territorio Felicidad, alcanzaron 2.772 euros, e a cea anual de Cáritas, que este ano entregou toda a recadación, os 1.805 euros.