Un coche roubado aparece sobre unhas rochas no río Lérez

Pontevedra
18 de marzo 2014

A Policía Nacional investiga o roubo dun coche que apareceu sobre unhas rochas nas proximidades da estación de bombeo de Pontevedra

O coche caeu sobre unhas rochas no leito do río Lérez
O coche caeu sobre unhas rochas no leito do río Lérez / PontevedraViva

A Policía Nacional investiga o roubo dun coche que apareceu sobre unhas rochas nas proximidades da estación de bombeo do Lérez, sen unha porta e con importantes danos como a rotura dun eixo.

Segundo fontes da Comisaría de Pontevedra, o fillo do propietario do coche acudiu este martes para denunciar o roubo do vehículo. Segundo explicou, a noite anterior tiña o coche aparcado nunha explanada próxima á súa vivenda da rúa Grecia de Monte Porreiro e un veciño avisouno de que tiña unha xanela fracturada. Ante a situación, decidiu trasladar o vehículo ao lado do seu edificio. Non obstante, este martes, cando chegou a coller o coche para levalo a reparar, xa non estaba.

Cando chegou á Comisaría informárono de que un vehículo que resultou ser o do seu pai apareceu entre as rochas a primeira hora da mañá. Un particular descubriu o coche ás 8.44 horas no río Lérez, na zona de Monte Porreiro, e alertou ao Centro de Atención ás Emerxencias de Galicia 112. Unha patrulla da Policía Local desprazouse ao lugar, descubriu o coche e púxoo en coñecemento da Policía Nacional.

A media mañá o vehículo foi retirado de entre as rochas con axuda dun guindastre. Paralelamente, a Policía Nacional abriu unha investigación para esclarecer os feitos en relación ao roubo do vehículo e á persoa que puido botalo ao río nunha zona habitual de paseo de viandantes e con importantes danos.

O vehículo é un Smart que está rotulado co nome da compañía Serga, pero non ten ningunha vinculación coa compañía nin o coche nin o seu propietario.