Xa está aberto o novo centro operativo da Deputación de Pontevedra no polígono industrial de Barro. É a denominación que recibirá a partir de agora o antigo parque de maquinaria, que tras abandonar a Xunqueira de Alba conta cunha nova base "moderna, ampliada e renovada".
Así o destacou o presidente provincial, Luis López, que inaugurou este luns estas novas instalacións, nas que se investiron 2,75 millóns de euros. Este centro operativo será a sede do servizo provincial de infraestruturas, do parque móbil e do aparello loxístico da institución.
"Este centro operativo é unha obra que permitirá que outras obras sexan realidade", subliñou López sobre un equipamento que está construído nunha parcela de 8.700 metros cadrados do parque empresarial que a Deputación ten en Barro.
Trátase dun edificio de dúas plantas para uso administrativo dotado de espazos polivalentes, vestiarios e oficinas, así como unha nave destinada a taller xeral para reparacións e mantemento e tamén un almacén central, boxes de lavado e aparcamento.
Este proxecto ten unha segunda vertente que xa fora inaugurada no pasado mes de abril.
É a zona verde creada na contorna da Xunqueira de Alba, en Pontevedra, onde a Deputación destinou máis de 1,5 millóns de euros para demoler o vello parque de maquinaria e renaturalizar a parcela, logrando un novo "pulmón verde" para a cidade.
"O que empezou ben na Xunqueira de Alba acaba extraordinariamente ben en Barro", sostivo o presidente provincial, que puxo en valor o motor económico que supón para a provincia toda a actividade que se está a realizar desde este polígono de Barro.
Alí aséntase un viveiro de empresas, a oficina de transformación comunitaria e, desde este luns, o centro operativo da Deputación. Todos estes equipamentos, concluíu Luis López, "contribúen a ter unha provincia máis robusta e mellor preparada para o futuro".