Un total de 96 comercios de Pontevedra participan no concurso de escaparates de Nadal impulsado pola concellería de Promoción Económica a través da plataforma #PonteLovers.
Os establecementos rexistrados locen un adhesivo cun código QR nos seus escaparates, que os peóns poderán escanear para votar polo seu escaparate favorito.
"O único que hai que facer para darlle o noso respaldo ao escaparate que máis nos guste é premer no botón de votar, visualizar as fotografías dos participantes e emitir o noso veredicto. Os tres máis votados serán os gañadores dun primeiro premio de 1.500 euros, un segundo de 1.000 e un terceiro de 500. O día 29 de decembro darase a coñecer o resultado", explica a concelleira Yoya Blanco.
O certame inclúe tamén premios para os cidadáns a través dun sorteo de 20 cheques regalo por valor de 25 euros cada un que poderán trocarse por produtos e servizos en calquera dos negocios rexistrados.
Desde o departamento de Promoción Económica lembran que esta iniciativa ten como obxectivo poñer en valor os establecementos comerciais de Pontevedra. Co lema "é o momento de amosar a túa mellor cara", convidan a sacar o lado máis positivo do comercio local empregando os seus escaparates como reclamo para atraer clientes. O número de votos emitidos supera xa os 7.500.