Máis de cen persoas déronse cita na primeira das camiñadas divulgativas para poñer en valor o patrimonio natural afectado polo trazado da autovía A-57 nas parroquias de Bora e Xeve.
O micólogo Jaime Blanco guiou este paseo organizado pola plataforma contra a A-57 e mostrou aos participantes unha variedade micolóxica única no mundo, Lentinellus pontevedrensis, que só se identificou na zona da Cardosa, en Bora, e que "desaparecía se leva a cabo a polémica infraestrutura". O experto identificou outros tres fungos propios da provincia e dúas especies raras que se sitúan na paraxe onde se proxectan as obras.
O roteiro micolóxico é a primeira das actividades divulgativas abertas á cidadanía que organiza a plataforma contra a A-57 que ten previsto seguir con outros roteiros guiados por expertos "para dar a coñecer os prexuízos de levar a cabo esta obra que arrasaría con boa parte do territorio rural e forestal do municipio de Pontevedra e que supoñería a destrución de 6.000 metros cadrados de territorio Rede Natura nas inmediacións do río Lérez".
Tras conseguir o apoio unánime da corporación de Pontevedra para revisar o trazado do segundo tramo da autovía, a plataforma asegura que seguirá traballando, co apoio dos veciños de Xeve e Bora, "para defender o territorio rural".