Desde hai un ano os menores ingresados na área sanitaria de Pontevedra móvense polo hospital en coches de xoguete.
Foi en xuño de 2019 cando a Xerencia desta área asinaba co concesionario oficial de Audi e Volkswagen, Vepersa, un acordo para a cesión de catro vehículos eléctricos de xoguete que están ao dispor dos pequenos pacientes para desprazarse polos corredores dos centros.
Agora Vepersa ven de completar esta iniciativa coa posta en marcha dun carné e un conto infantil que serán entregados aos pequenos que teñan que ir ao quirófano.
Exemplares do conto foron recollidos polo xerente da área, José Ramón Gómez Fernández e o seu equipo técnico, de mans do xerente de Vepersa, José Fiel Caíño.
Un acto no que o representante de Vepersa mostrou a enorme satisfacción da firma por colaborar nunha proposta encamiñada a mellorar no posible o paso dos nenos pola cirurxía.
O conto explica dunha maneira sinxela e amigable a experiencia que van vivir no quirófano, para que os nenos poidan entender o proceso. A publicación entregaráselles aos nenos na consulta de preanestesia.
Estes contos formarán parte da Librería Institucional da Xunta de Galicia que recompila procedementos estandarizados para os profesionais do Servizo Galego de Saúde.