A historia repítese. De novo un camión que excedía o gálibo quedou enganchado este xoves baixo a ponte do tren en San Caetano, Alba.
Como consecuencia desta incidencia, na estrada PO-225, que une a N-550 e a PO-531 cara a Vilagarcía, a circulación rodada na zona viuse afectada, reducíndose a un único carril, segundo testemuñas presenciais. A Garda Civil confirmou que axentes de Tráfico regularon a circulación mentres o camión estuivo encaixado. Cando chegou un guindastre para retirar o vehículo, tiveron que cortar a estrada.
O suceso produciuse minutos antes das 10.00 da mañá e pouco máis dunha hora despois o guindastre comezou a retirar o camión, que sufriu importantes danos materiais, quedando desfeito o remolque. A cabina quedou intacta.
Esta complexa situación conta con diversos antecedentes. O máis rechamante, en 2009, obrigou a cortar a circulación ferroviaria ao resultar danada a estrutura da ponte. Aquel accidente provocou a instalación de novas medidas de control de gálibo na zona.