O Concello de Poio considera "totalmente insuficiente" a decisión de Abanca de dotar á parroquia de Raxó cun caixeiro automático.
Esta medida foi trasladada por un responsable da entidade financieira ao alcalde, Luciano Sobral, e aos portavoces dos grupos da Corporación nunha reunión mantida este venres no Consistorio.
En Campelo, que desde o pasado día 8 xa non conta con servizo presencial nas instalacións situadas na Rúa Pedro Soto, Abanca só deixou operativo un caixeiro automático obrigando aos clientes a ter que desprazarse ata as dependencias situadas na Barca ou en Combarro en caso de que precisen ser atendidos de xeito presencial.
Estes días continúa a campaña informativa para animar á veciñanza en xeral, a que cancele as súas contas e retire os seus fondos desta entidade. Pola súa banda, a Administración local tamén está a estudar fórmulas para acometer esa acción, de xeito que implique as menores molestias posibles á hora de prestar servizo á cidadanía.
O Concello tampouco descarta levar a cabo novas mobilizacións e insiste na necesidade de ir da man coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) á hora de tratar de frear unha política que "o único obxectivo que busca é obter o máximo beneficio económico posible", sen ter en conta as consecuencias e os problemas que crea.