Un brigadista resulta ferido nunha perna mentras traballa nun incendio en Carballedo

Cerdedo-Cotobade
12 de agosto 2016
Actualizado: 13 de agosto

O incendio no que resultou ferido iniciouse ás 17.44 horas deste xoves e ás 20.00 horas levaba arrada unha superficia aproximada de 20 hectáreas, segundo o último parte de lumes da Consellería de Medio Rural 

Labores de extinción do incendio de Carballedo
Labores de extinción do incendio de Carballedo / Diego Torrado

Un brigadista dos servizos de extinción de incendios da Xunta de Galicia resultou ferido este venres mentres traballaba nun incendio declarado na parroquia de Carballedo, en Cotobade. Segundo informou a Consellería de Medio Rural, tivo que ser trasladado en ambulancia cun corte nunha perna. 

O brigadista foi auxiliado nun primeiro momento por axentes da Garda Civil. Atopábase no medio do monte nunha zona á que resulta complicado acceder, de modo que os gardas foron quen levou aos profesionais sanitarios ata o punto do accidente. Primeiro recibiu asitencia in situ e posteriormente foi evacuado. 

No momento no que sufriu o accidente, estaba a traballar na zona da Chan, en Carballedo. Sufriu un corte profundo na parte baixa da perna que obrigaba unha rápida intervención médica.

O incendio no que resultou ferido iniciouse ás 17.44 horas deste xoves e ás 20.00 horas levaba arrasada unha superficie aproximada de 20 hectáreas, segundo o último parte de lumes da Consellería de Medio Rural. 

Na extinción deste incendio estaban a traballar este venres dous axentes, seis brigadas, tres motobombas, unha pa, un helicóptero e un avión, ata que, coa chegada da noite, os medios aéreos tiveron que retirarse e quedaron só os terrestres. 

O incendio aínda non supón perigo para ningunha poboación, pero a Garda Civil si está a traballar para prohibir o acceso a determinadas zonas de Carballedo.