Un bolero mexicano para Louzán

Pontevedra
12 de xuño 2015

Mosquera dedicou ao presidente da Deputación o bolero mexicano "Me fallaste corazón", de Pedro Infante cando di: "Y tú que te creías el rey de todo el mundo, y tú que nunca fuiste capaz de perdonar y cruel y despiadado de todos te reías, hoy imploras gobierno aunque sea por piedad"

César Mosquera, voceiro grupo provincial do BNG
César Mosquera, voceiro grupo provincial do BNG / Cristina Saiz

A asemblea do Bloque Nacionalista Galego na comarca de Pontevedra reuniuse onte xoves para abordar as liñas mestras da proposta de mínimos formuladas aos socialistas para alcanzar un acordo de goberno na Deputación de Pontevedra no que "a opción preferente, e practicamente exclusiva, é darlle o apoio ao PSOE", segundo informou o voceiro César Mosquera, "salvo que se poñan moi cabritos".

Ademais escolléronse "por abrumadora maioría" os concelleiros que van representar ao BNG na Corporación provincial dentro do Partido Xudicial de Pontevedra que son, o propio Cesar Mosquera Lorenzo, concelleiro en Pontevedra; Xosé Leal Fariña, concelleiro en Bueu e Eva Villaverde, concelleira en Moraña. Como suplentes: Lida Salgueiro Piñeiro, concelleira en Poio; Lucía Santos Omil, concelleira en Marín e Manuel Lourenzo Sobral, concelleiro en Soutomaior.

O Bloque conseguiu catro actas de deputado, das que tres son do Partido Xudicial de Pontevedra e a cuarta, de Tui, que volverá asumir o concelleiro de Tomiño, Uxío Benítez.

Segundo informou en rolda de prensa o voceiro do BNG na Deputación, César Mosquera, a súa reelección como deputado "vai ter consecuencias" na organización de competencias dentro do goberno municipal da cidade do Lérez, ao igual que acontecerá no caso de Xosé Leal en Bueu. O papel "decisivo" que terán os catro deputados nacionalistas na corporación provincial fará que teñan que dedicar moito máis tempo a cuestións provinciais "sexa cual sexa a hipótese".

En concreto, segundo detallou o alcalde en funcións de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o concelleiro Mosquera asumirá as áreas de "Ordenación do Territorio e Redacción de Proxectos" e non formará parte da Xunta de Goberno que, inicialmente, asumirán os doce edís do BNG en solitario.

Fernández Lores evitou facer conxecturas sobre un posible pacto de goberno na Deputación recordando que é unha negociación que se aborda "a nivel galego", aínda que engadiu que "outra cousa é que nós poidamos dar a nosa opinión".

O alcalde en funcións de Pontevedra, que confía en saír elixido este sábado como cabeza de lista máis votada, se referiu ás declaracións que están a realizar estes días o presidente provincial do Partido Popular, Rafael Louzán, e outros membros do PP, que "non asume que perdeu a súa hexemonía en Pontevedra" xa que "agás a Xunta xa lles queda moi pouco".

Por este motivo, segundo Fernández Lores, "todos os días demostran a súa frustración e fan cousas á desesperada" dixo en referencia a un suposto ofrecemento da presidencia da Deputación de Pontevedra ao BNG por parte dos populares.

Para valorar esta cuestión Mosquera optou por citar o bolero mexicano Falláchesme corazón", de Pedro Infante cando di: "Y tú que te creías el rey de todo el mundo, y tú que nunca fuiste capaz de perdonar y cruel y despiadado de todos te reías, hoy imploras gobierno aunque sea por piedad".

JOSÉ MANUEL FIGUEROA

Foi o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, José Manuel Figueroa, quen confirmou que "todas as ofertas están enriba da mesa", ao ser preguntado expresamente pola proposta do PP para que presida o Bloque a Deputación.

Figueroa compareceu este venres substituíndo ao presidente Rafael Louzán na rolda de prensa habitual tras a xunta de goberno e referiuse a esta posibilidade sinalando que "non sería nada descabellado" xa que o PP xa contou co apoio dos nacionalistas para que Corina Porro puidese gobernar en Vigo.

 

Arquivado en