O Local de Música de Pontevedra celebra este ano o seu décimo quinto aniversario e para conmemoralo como merece aliáronse co Black Hole para organizar este venres en Sala Karma unha sesión de micrófono aberto á que están convidadas todas as bandas que forman parte da historia do local.
O concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, acompañado polo músico e promotor do Black Hole, Queco lago, foi o encargado de presentar un evento que servirá para lembrar os innumerables programas, iniciativas ou actividades que saíron do Local de Música desde o 2008. "Pasou de todo nestes últimos quince anos", recoñece o edil definindo o Local de Música como un "proxecto dinámico" que seguirá evolucionando coa licitación dun novo contrato de xestión.
O evento deste venres en Sala Karma, que comezará ás 21.30 horas con acceso gratuíto para todos os públicos, xorde coa intención de aproveitar as "sinerxias" do Local e do Black hole para dar a coñecer toda a actividade artística que se xera ao redor destas dúas entidades.
A intención dos organizadores é centrar a primeira hora do Black Hole nunha homenaxe a todas as bandas saídas do Local de Música. "Facemos un convite ás bandas actuais e as bandas do Local que tocaron xuntas hai tempo para facer un ensaio masivo e amosasr o que foron", propón Oubiña. Logo, o evento volverá á súa esencia brindando a todos os asistentes a oportunidade de subir ao escenario para tocar, cantar, recitar ou, mesmo, pronunciar un monólogo humorístico.
"O Black Hole é un espazo aberto á arte, non imaxinabamos chegar ata as 40 edicións, pero o interese incrementouse despois da pandemia", confesou o músico Queco Lago que iniciou esta aventura no ano 2016 coa intención de organizar unha sesión de micrófono aberto unha vez ao mes, un plan que a pandemia truncou para regresar logo con máis forza que nunca.